Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara solicita ao Concello o saneamento integral do núcleo de Os Baos

6, outubro, 2018.- O PP solicita ao Concello o saneamento integral do núcleo de Os Baos, pertencente á parroquia de Láncara. Os populares fan esta petición, logo de que en días pasados a entidade local, concretamente os días 27 e o 28 de setembro, instalase unhas tubaxes na canle da auga existente no lugar e ao carón da pista e, unhas horas máis tarde, todo ese material fose retirado sen dar explicacións ao respecto.

 

O voceiro do Partido Popular, Santiago Cubillas, dado que “non entende como un día o Sr. Darío desprega as máquinas para facer a obra e pouco despois as quita”, vén de rexistrar un escrito no Concello para coñecer os motivos desta actuación, así como se a entidade local dispón de proxecto e dos permisos necesarios para execula. E é que “esta estrana circunstancia fai que nos preguntemos: será que non ten proxecto? Será que non ten todas as autorizacións?. Sospeitoso cando menos é. Ademais, o Concello non está para tirar así os cartos, poñendo un día as tubaxes e quitándoas outro”, indica.

 

Dende logo para unha obra destas características, o socialista debería de actuar como procede nestes casos, xa que esta discorre polas inmediacións dun rego de 1 metro de profundidade e outro metro de ancho aproximadamente. “É dicir, esixe cando menos, facer certos trámites administrativos antes de poñerse a traballar e falar con todos os veciños afectados”, remarca.

 

Por todo elo, Cubillas agarda que o rexedor “teña todo en orde, xa que, do contrario, sería moi grave”, ao tempo que insta ao alcalde a que, no canto de poñer só unhas tubaxes nunha zona, proceda a sanear o núcleo completo. “Non ten sentido ningún que a uns veciños se lle faga isto e outros queden sen a mellora do servizo. O lóxico e normal é que se atenda a todos por igual, así que agardamos que o alcalde escoite a nosa petición e nos dea as explicacións oportunas”, conclúe.