Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pide a dimisión do presidente da Mancomunidade da Mariña logo de renunciar a unha axuda da Xunta de 38.000 euros

Santiago, 4 de outubro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega solicitou hoxe no Parlamento a dimisión do presidente da Mancomunidade de concellos de A Mariña luguesa, Alfredo Llano García, logo de que esta entidade renunciara a unha axuda de 38.000 euros para sinalización turística desta comarca, “que eles mesmos a solicitaran e que a Xunta a concedera”. “Este presidente utiliza a Mancomunidade como arma política para atacar á Xunta, e non para traballar e defender os intereses dos veciños da Mariña”, apuntou.

 

Daniel Vega salientou que “A Mariña é un destino turismo que está a incrementar o seu atractivo ano tras ano, ata situarse neste primeiro semestre de 2018 como o segundo destino galego que máis incrementou o número de visitantes, un 9,5 por cento”. “Todo o que se está a facer permite dicir que a Xunta acertou nas súas propostas, en colaboración tanto cos concellos como coa Mancomunidade e traballando conxuntamente para que o sector turístico triunfe na Mariña”, asegurou.

 

COMPLICADO DE EXPLICAR

 

O deputado popular considerou “complicado explicarlle aos veciños de A Mariña que a Mancomunidade solicite á Xunta unha subvención para a sinalización de rutas de sendeirismo, o Goberno galego conceda unha axuda de 38.000 euros e os responsables da Mancomunidade renuncien a esta subvención coa escusa de que non daba tempo para a súa tramitación”.

 

“Non lles cae a cara de vergoña diante desta actuación, máis se cabe se o presidente da Mancomunidade de concellos se atreve a dicir que a Xunta nunca colabora con eles cando a verdade é que a súa incapacidade a que deixa á Mariña sen este tipo de investimentos para a promoción do sector turístico”, lamentou Vega.