Partido Popular de Lugo

Julia Rodríguez alerta de que o alcalde nunca solicitou tampouco as axudas da Xunta para mellora de equipamentos e infraestruturas urbanas

28, setembro, 2018.- A voceira do Partido Popular, Julia Rodríguez, alerta de que o alcalde do municipio nunca solicitou as axudas que cada ano convoca a Xunta, destinadas á mellora dos equipamentos e infraestruturas urbanas. Isto implica, segundo destaca a dirixente dos populares monfortinos, que o rexedor “desperdiciou unha nova oportunidade que lles brinda a administración autonómica”; cuestión que evidencia “que o socialista está só ao seu”.

 

Esta desleixo é para a voceira do grupo municipal un novo exemplo “da incapacidade de xestón do Sr. Tomé”, e anuncia que no, vindeiro Pleno, preguntarán por este asunto ao rexedor. A este repecto, lamentan que “novamente teñamos que saír publicamente para criticar o que se está a converter nunha rutina por parte do noso alcalde: que é a perda de subvencións”. Recentemente, os populares tamén alertaron de que o rexedor nunca solicitou as axudas que arbitra a Xunta para a prevención e a violencia de xénero, tal e como quedou de manifesto na resposta dada pola secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, á pregunta formulada pola voceira de deputada autonómica, Julia Rodríguez.

 

Contido das axudas

O Diario Oficial de Galicia publicou en maio a orde destas subvencións, dotada cun orzamento de 4,3 millóns de euros. En base a esta orde, en réxime de concorrencia non competitiva, son subvencionables aquelas actuacións que busquen mellorar ou crear infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, como a humanización de rúas, de espazos públicos, así como obras de equipamentos públicos.

 

Cada Concello pode solicitar unha axuda para un proxecto que se englobe no marco de actuacións subvencionables, que non pode superar os 500.000 euros, e nunca se poderá acoller a esta orde de incentivos a adquisición de terreos, os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; así como equipamentos para o tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos, que non se integren nun proxecto de mellora integral dos equipamentos urbanos.

 

Asemade, a orde establece unha porcentaxe do investimento en función da poboación de cada entidade local. Así, para os Concellos cunha inferior ou igual a 5.000 habitantes o 100% do investimento; os municipios con mais de 5.000 e ata 20.000 habitantes o 80% do investimento; os de máis de 20.000 ata 50.000 habitantes o 70% do investimento e os de mais de 50.000 habitantes o 50% do investimento.

 

A Consellería de Medio Ambiente promove esta liña de axudas para colaborar no desenvolvemento de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

 

Os obxectivos son promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos, con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social; mellorar os equipamentos e as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma; e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.