25 de setembro, 2018. O Grupo Provincial do PP impulsa a apertura da residencia de Castroverde ao conseguir o apoio da Corporación para que a Deputación a ceda ao Concello xunto cos terreos sobre os que se asenta.
Candia expuxo que “moita comunicación non debe haber entre o presidente da Deputación e o alcalde de Castroverde se mantiveron unha reunión despois de coñecerse a moción do PP cando xa fora aprobado no Pleno municipal hai dous meses”. “Se é así a moción xa tivo os seus efectos e sentímonos de grande utilidade porque unha vez máis o Goberno acerta cando rectifica ou cando lle fai caso á oposición”, precisou.
A voceira do PP considerou que estamos ante un mandato do PSOE “triste”. “En febreiro o presidente di algo nun consello de administración e de alí a dous meses di o contrario. Adóptase unha encomenda de xestión que supón un investimento de máis de 12 millóns de euros e as mesmas persoas despois din o contrario e é especialmente triste porque hai persoas como as seleccionadas no ano 2015 que seguen esperando para traballar”.
Instalados nas liortas continuas
Candia lamentou que os socialistas non defendan os dereitos dos traballadores “porque lles foron mal os pactos que non cumpriron, porque nin cumpren entre vostedes e danse puñaladas e pensan e non lle preocupa rematarse porque viven instalados nas liortas continuas”.
A popular amosou a súa sorpresa porque o Goberno Provincial diga que a cesión posiblemente non poida ser gratuíta cando Castroverde foi un dos primeiros concellos que destinou recursos do Plan E para ter unha residencia. “Non foron capaces de abrila e non foi culpa do alcalde, que foi dos que máis intentou que estivera aberta. “Engánanse entre vostedes e a residencia segue pechada”. Os populares defenderon a intención do Concello de Castroverde de manter o convenio asinado no 2010 “por coherencia, axilidade e respecto á autonomía local”.
Candia criticou que o Goberno provincial non teña un modelo de xestión para as residencias e pagaran 18.000 euros a unha empresa privada para apostar polo que eles chaman unha “externalización estratéxica da especialidade”. “Nós pedimos os PIA, que estaban sen solicitar e fixemos un plan de viabilidade, mentres vostedes as inauguraron e se esqueceron delas”. “Primeiro pedían prazas concertadas cando estaba Besteiro, no ano 17 non querían ir a concerto coa Xunta, senón que pedían un convenio de 600 euros por praza. Non saben o que queren, así que se hai un alcalde que si o sabe, como é o de Castroverde, déixenlle facelo”.
Unha petición do propio Concello de Castroverde
Desde o PP recordaron que o pleno do Concello de Castroverde aprobou o 12 de xullo a solicitude á Deputación da cesión da residencia e centro de día e dos terreos sobre os que se asenta. A Corporación pedía tamén que se aplique ao Concello de Castroverde o réxime económico de achega financeira da Deputación prevista para o resto dos concellos da rede de residencias do organismo provincial.
O Grupo Provincial do PP considera necesario que de maneira urxente se tomen as medidas que permitan poñer fin á esta parálise respecto á posta en funcionamento desta residencia que leva máis de tres anos construída e conta con todos os permisos para abrir as súas portas. “A cesión ao Concello é a mellor forma para conseguilo”, precisan.
Demandan a aprobación da Ordenanza de Prezo Público
A maiores, co obxectivo de dar un paso máis na posta en marcha destes centros e para que entren en funcionamento o antes posible, os populares sacaron adiante que o Goberno que preside Darío Campos eleve ao seguinte Pleno da Deputación a Ordenanza de Prezo Público das residencias e centros de día dependentes do organismo provincial.
En canto ao importe do prezo público, os populares solicitan que a contía do prezo se fixe en función do plan de viabilidade económica do ano 2015 no que se establece un prezo por praza nas residencias de 1.100 euros mensuais e de 600 euros pola praza nos centros de día.