Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá lamenta que o Goberno local “se centre en difamar á oposición en lugar de facer o seu traballo”

25, setembro, 2018. O Grupo Municipal do PP de Lourenzá, ante as últimas declaracións do equipo de Goberno de Lourenzá, lamenta que “se dedique a difamar á oposición en lugar de centrarse en facer o seu traballo”. Nese senso, explican que “eles son os que teñen que dar explicacións; mentres que a oposición no exercicio dos seus labores é a que debe preguntar pola súa xestión”.

 

O Grupo Municipal do PP lamenta, unha vez máis, que o Goberno local “non deixa nin falar aos grupos da oposición durante o Pleno e esa é a razón pola que non presentamos mocións para debater”. De feito, “os debates son totalmente estériles e as actas dos plenos só recollen as intervencións do voceiro do Goberno”, apuntan. En calquera caso, “nos non presentabamos mocións xenéricas, senón aquelas que foran beneficiosas para os veciños e veciñas de Lourenzá”. Nesa liña, os populares lamentan que “o Goberno local tampouco faga caso aos rogos que presentamos do mesmo xeito que tampouco fan nada do que prometen”.

 

Pero, que “non fan o seu traballo queda en evidencia cando non contestan tampouco ás preguntas que facemos no Pleno”. De feito, “se volveu a Pleno a pregunta sobre as razóns polas que mantiveron ao concelleiro cobrando durante dous anos e medio se eran coñecedores de que non estaba a facer o seu traballo, tal e como manifestaron publicamente en distintos medios de comunicación, é unicamente porque a alcaldesa deixou pendente a resposta dende o Pleno anterior”. A este respecto, os populares aclaran que “este é un proceder habitual da rexedora cada vez que lle formulamos unha pregunta sen rexistrar cun mínimo de 24 horas de antelación, pero que entendemos que, neste caso, podía ter contestado porque non requiría da consulta de datos, senón de expresar a súa opinión ao respecto”.

 

O Grupo Popular laurentino pon de manifesto tamén que “ás veces que o Goberno local non responde, hai que engadir as veces que minte. Un claro exemplo é o de negar que estivera contratado o grupo musical para a festa dos xubilados cando o propio grupo o anunciaba durante outra actuación”, explica.

 

Compañeiros na oposición”

A voceira do Grupo Municipal Popular, Emma Álvarez, aclara por outra banda que adoita denominar “compañeiro da oposición” ao edil do BNG porque é un compañeiro da Corporación Municipal que tamén realiza labores de oposición e que “tampouco obtén resposta ás súas preguntas no Pleno”.