25, setembro, 2018. “É un despropósito e unha falla de respecto aos monfortinos que o alcalde minta respecto das obras da rúa Corredoira, que vote en contra de que Aqualia cumpra o seu contrato e que non conteste ao que lle preguntamos en Pleno”. Así de contundentes se amosan os populares logo da actitude “bochornosa” amosada na sesión de onte polo socialista.
E é que o rexedor “non foi capaz de localizar referencia algunha ás beirarrúas no seu proxecto de día rúa, simplemente porque non existe”. Por este motivo, consideran que “faltou á verdade consciente de que este proxecto só contempla a renovación da capa de rodadura, e non as beirarrúas que lle pide o PP. Abstívose na votación, pero mentiu polo camiño, só para gañar un titular”, subraian.
Respecto da petición de que Aqualia cumpra o seu contrato e execute o parque acuático, -como o de Cerceda que neste verán recibiu 160.000 visitantes e contratou 100 persoas-, votou en contra; o que revela “que segue a defender unicamente os intereses da empresa, e que non é capaz de votar unha soa vez a favor de que cumpra o seu contrato”, indican.
Neste senso, lembran que, neste mesmo Pleno, o rexedor local tivo que volverse atrás no expediente de actualización das sancións no contrato de Aqualia, por terlle notificado irregularmente; algo que xa lle tiña advertido a voceria do PP, polo que “se ve que só queren que o tempo pase, pero de meter en cintura a empresa, nada de nada, fan teatrillo e titulares, pero nada mais”, remarcan.
Outras interpelacións do PP
Ao respecto das interpelacións realizadas polo Grupo do PP sobre as obras de Santo Domingo, o titular municipal sóo explicou a tramitación do expediente para xustificar que as obras se fixeran en setembro, pero non informou por que non se renovan as conducións, por que non se deixa feita a preinstalación para o soterramento do cableado ou por que non se actuou sobre o muro municipal que lle preguntaba o PP.
Sobre o obradoiro xuvenil que puxo a disposición da entidade local a Xunta de Galicia para crear emprego en Monforte, e que non foi solicitado por Tomé, os populares critican que o rexedor indicase que chamou e lle dixeron que con un chegaría. “Isto mesmo dixo coa perda do 1% cultural. Pois que se deixe de chamadas e traballe. Porque pola súa culpa 15 mozos e mozas perderon a oportunidade de traballar e formarse”, afirman dende o PP.
En canto aos motivos polos que non solicita as axudas para prevención da violencia de xénero dende que é alcalde, os populares non dubidan en amosar “o seu abraio”, xa que o rexedor contestou que “deixou de pedilas, porque se significaba as mulleres vítimas, dado que esas actividades iban dirixidas a elas soas”.
A este respecto, os populares critican tal “desleixo ante un tema tan importante coma este”, ao tempo que “condenaron e rexeitaron os casos de violencia de xénero producidos na cidade este verán, -dúas agresións sexuais a menores no entorno familiar-, e tamén o acontecido en Sahagún no que unha monfortina foi agredida polo seu marido, tamén monfortino”.
Asemade, “a indignación” do Grupo do PP tamén “é máxima” logo de escoitar os argumentos do rexedor sobre a falla de medios de transporte públicos para favorecer o acceso ao San Mateo. E é que o dirixente sinalou a este respecto que “nunca houbo transporte do Concello, e que sería unha discriminación para outras festas doutras parroquias”. Para os populares, isto evidencia que “descoñece a entidade da romaría, que se celebra dende tempo inmemorial, e a necesidade de preservala e potenciala, poñendo os medios para que todo o mundo poida acudir”.
Por todo elo, lamentan a actitude do alcalde “que está enfrascado e centrado en cultivar o seu ego, en vez de solucionar os problemas dos cidadáns”.
Rogo presentado
Os populares poñen en valor un rogo presentado, entre outros, para que se tomen as medidas necesarias para que a zona de tránsito de peóns na rúa Zapardiel se adecúe de modo que os usuarios poidan facer uso dela en condicións de seguridade, especialmente no que atinxe aos alumnos que acceden por esta rúa ao pavillón do IES Rio Cabe. Pediuse tamén, que a entidade local asegure que en horario de entrada e saída dos citados centros escolares estean dispoñibles as paradas de autobús habilitadas con ese fin, dado que hai queixas de que están ocupadas nese horario provocando problemas de tráfico.