BURELA, 24 de setembro de 2018.- “O alcalde leva tres anos e catro meses perdidos. Quedan oito meses para as eleccións municipais, e nada do que anunciou ou se comprometeu se ten iniciado, nada. Burela non se merece un alcalde así”. Por este motivo, os populares presentarán unha moción para debater na sesión plenaria do vindeiro xoves, e na que solicitan a reprobación do alcalde.
Con esta contundencia se manifestou hoxe o Grupo Municipal do Concello burelés, “fartos de que esta persoa saque reiteradamente titulares de prensa que logo non se concretan en nada. Plan de tráfico, ubicación e regulamentación do mercado, plan de peonización, adecentamento da traseira das chabolas, ordenanza das terrazas…, e un largo etcétera”, afirman.
Os populares aseguran que o alcalde, ademais, incumpre o que el mesmo propón ao pleno da Corporación. Proba delo, é que a principios de ano aprobouse o plan normativo municipal para este 2018 e é practicamente igual que o de 2017. Pois ben, a día de hoxe pódese comprobar que só con mirar no portal de transparencia da sede electrónica da entidade local que non se iniciou nin un só procedemento de audiencia pública ou semellante de ningunha das cuestións que o propio alcalde propón nese plan normativo.
Incumprimentos
Dende o PP consideran que “se todo o indicado é de por si grave, non o é menos os últimos dous incumprimentos do alcalde. O primeiro, tén que ver coa moción dos populares aprobada o tres de abril para elaborar un regulamento que fixe o control do cobro de entradas a eventos organizados polo Concello e os pagos que se fagan con eses cartos. A día de hoxe, seis meses despois, non hai ningún documento sobre da mesa para discutir, co que entendemos que o rexedor e o concelleiro de Cultura tentan agochar algo, que de entrada non cheira ben, a pesares do informe demoledor de Intervención que se fixo público no seu día sobre o desvío de fondos de unhas partidas presupostarias a outras para pagar actuacións e eventos organizados polo concelleiro de Cultura que non contaban con consignación presupostaria”, destacan.
O segundo incumprimento, indican os populares, ten que ver coa moción aprobada o pasado seis de xuño, relativa ao compromiso de que o Concello tivera, precisamente no prazo de catro meses, feitos os trámites administrativos da súa competencia de cara á construción dun novo pavillón. Neste senso, remarcan que, na actualidade, “non hai nada feito, nin tan sequera o máis sinxelo, a modificación presupostaria necesaria para poder dispor de fondos para pagar os terreos que é necesario mercar”.
Para os populares, “esta situación de titulares vacíos de contido, de inoperancia, de incumprimentos reiterados en asuntos que afectan directamente aos cidadáns, reflicten perfectamente o perfil do alcalde e do seu pseudogoberno. A vagancia e a mentira non poden ser as normas de conduta de quen ostenta a representación do Concello”. De aí, apuntan, que o “Grupo Municipal poña sobre da mesa, e a tratar en sesión plenaria, todos estes incumprimentos, falla de compromiso, ausencia de traballo e demasiada tendencia aos titulares de prensa absolutamente vacíos de contido e que en nada se traducen, incumprimentos que deberían levar á reprobación do alcalde”.