Partido Popular de Lugo

Os populares de Monforte volven pedir a elaboración dunha ordenanza reguladora do servizo de taxi

23, setembro, 2018. O Grupo Municipal Popular de Monforte volve propoñer a elaboración dunha ordenanza reguladora do servizo de taxi do Concello en consenso co colectivo de profesionais e adaptada á lei 4/2013 despois de que a Corporación Municipal aprobara por unanimidade esta mesma iniciativa en outubro do 2016.

 

Os populares levarán ao Pleno do vindeiro luns 24 de setembro esta moción co fin de

“garantir a prestación deste servizo dentro do marco lexislativo vixente coa maior calidade para os usuarios e as mellores condicións e garantías para os profesionais que o prestan”. Desta maneira, daríase cumprimento á Disposición Final Terceira da lei 4/2013 que establece a obriga por parte dos Concellos de adaptar as ordenanzas reguladoras do servizo de taxi.

 

A voceira municipal, Julia Rodríguez, asegura que “no noso municipio, para atender as necesidades da poboación urbana e, de modo especial, as da poboación que se asenta nas parroquias do rural, é preciso regular o réxime xurídico aplicable ao servizo de taxi prestado ao amparo das licenzas do Concello de Monforte”.

 

Neste senso, os populares inciden en que “o alcalde e o equipo de Goberno non teñen cumprido co prazo que establece a lei”. De feito, “xa se ten excedido o prazo establecido nun ano en máis de catro”.

 

Peticións do colectivo

“Os taxistas teñen trasladado ao Concello, sen éxito, a necesidade de elaborar esta ordenanza para corrixir certas disfuncións que se están producindo no servizo”, segundo apunta Rodríguez.

 

“Pero, aínda por riba, ademais de ter desatendidas as peticións que nese sentido lle teñen trasladado os profesionais do sector ao alcalde e o equipo de Goberno local e non ter cumprido o prazo establecido por lei, tampouco teñen dado resposta ao acordo plenario para a elaboración desta ordenanza en outubro do 2016. É por isto polo que nos vemos na obriga de reiterar esta petición formulada no seu día”, indica engade a voceira municipal.