21, setembro, 2018. Os populares de Monforte lamentan que o Concello non facilite o acceso ao San Mateo con medios de transporte públicos e anuncian que, no vindeiro Pleno, preguntarán porque non se alcanzou un acordo con taxistas e empresas de autobuses para favorecer a asistencia á romaría con servizos públicos para aquelas persoas que carecen de medios ou recursos suficientes, e para garantir a seguridade vial.
O grupo municipal, que dirixe Julia Rodríguez, critica así “a pouca altura de miras” do socialista, sobre todo, “canto todos sabemos que é cita multitudinaria e que habilitar este servizo é tamén unha cuestión de seguridade cidadá”.
Neste senso, Rodríguez denuncia que a entidade local “non dea cobertura” a quen desexe participar nesta coñecida romaxe, pois “non todo o mundo dispón de vehículo propio ou ten recursos e outros medios para poder asistir”.
Trátase, por tanto, dunha cuestión “de prevención e de facilitar o desprazamento e a volta dos asistentes que así o desexen de forma segura”, ademais dunha medida “asequible e para nada desproporcionada economicamente”, apunta a dirixente dos populares monfortinos.
Queixa de maiores e mozos
“Cremos, por tanto, que o Concello non está á altura das circunstancia”. Tal é así que, dende o Partido Popular, “pensamos que sería un bo recurso e que moitos asistentes agradecerían”. Proba delo, conclúe, son as numerosas queixas recibidas de persoas maiores e mozos que acostuman a ir en servizos públicos.