Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte esixe que o alcalde rinda contas en Pleno respecto da “súa falla de previsión” sobre as obras de Sto. Domingo

19, setembro, 2018. O PP de Monforte de Lemos interpelará ao alcalde no Pleno que a Corporación celebrará o vindeiro luns sobre os motivos polos que o Concello demorou o inicio das obras da rúa Santo Domingo ata o mes de setembro, facéndoas coincidir así co inicio do curso escolar e, en consecuencia, provocando “importantes molestias” ás familias que teñen que trasladar diariamente aos seus fillos ao colexio Torre de Lemos.

 

Para os populares isto evidencia “unha falla de previsión” por parte do socialista, que xurde froito da súa “nula dilixencia” para evitar situacións coma esta. “Cando un programa unha obra o que ten que intentar e causar os menores agravios posibles. O Sr. Tomé tivo tempo dabondo de axilizar os trámites para que esta se fixese no verán, pero igual os esforzos que lle adicou ás festas e á súa promoción persoal cos fogos, fixo que, no canto de centrarse en xestionar eficazmente para os monfortinos, se descentrase con outros asuntos que son de todo menos operativo para a cidade”, destaca Julia Rodríguez.

 

O importe das obras, 167.531 €, foi asumido na súa maior parte -156.980 €- pola Deputación, no marco do Plan Único, de modo que o Concello de Monforte tan só aportou 10.551 €.

 

Outros problemas da rúa

Esta rúa presenta, ademais, unhas condicións moi antigas e deterioradas, con signos de fugas que trouxeron como resultado o fundimento do pavimento, chegando a ser apreciadas estas nalgúns puntos da superficie. Por outra banda, os postes de luz de madeira e cableados que a atravesan dunha beira á outra están a causar unha mala imaxe da zona e, na metade da mesa, existe tamén un muro de formigón que delimita un solar municipal, e que impide ver a muralla e estreita notablemente a calzada.

 

 

É por elo, polo que os populares tamén esixirán ao socialista que concrete se lle requeriu a Aqualia que localizase as posibles fugas ou renove as conducións deterioradas e avariadas, “tal e como procede antes de colocar o granito sobre o pavimento existente,” así como que indique se realizou algunha xestión con Naturgy (empresa encargada do cableado) para deixar feita a preinstalación para un soterramento futuro e, en terceira instancia, que previsión manexa o Concello para favorecer a visibilidade da muralla e o ensanche da calzada.

 

Farola perigosa

Asemade, e dado que, a instancia dos veciños, o grupo municipal do PP vén de constatar, por unha banda, a existencia dunha farola cos cristais rotos nas inmediacións da Praza de Santo Domigo, situada xusto enriba da escaleira pola que transitan pais e nenos para acceder ao colexio e, pola outra, que na outra marxe existe unha parcela “absolutamente colmada” de maleza, co conseguinte risco de incendio que isto representa no casco histórico, ademais da insalubridade e a mala imaxe, solicitarán ao rexedor que inicie os trámites que sexan necesarios para proceder de xeito inmediato á reposición da luminaria e que requira aos propietarios do terreo, a fin de que eliminen “a selva existente”, en cumprimento coa normativa vixente.