19 de setembro, 2018. O Grupo Provincial do PP presenta unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno do martes na que demanda que a Deputación de Lugo proceda á entrega e cesión ao Concello de Castroverde da edificación Residencia e Centro de Día para Persoas Maiores ‘Residencial O Castro’ co seu respectivo amoblamento, así como dos terreos sobre os que se asenta o inmoble. Pídese que se acceda ao solicitado polo Concello de Castroverde nos mesmos termos nos que Suplusa os entregou e cedeu á Deputación mediante acordo adoptado polo Consello de Administración da entidade na reunión celebrada o 8 de marzo deste ano.
Os populares solicitan ademais que se aplique ao Concello de Castroverde o réxime económico da achega financeira da Deputación prevista para o resto de concellos da rede de residencias dependentes da Deputación de Lugo.
O Grupo Provincial do PP non se explica que desde a Deputación aínda non se lle dera resposta ao Concello de Castroverde cando cursou esta reclamación hai xa dous meses. “Novamente estamos ante un claro exemplo no que o PSOE antepón os seus lios internos á prestación dos servizos”, lamentan.
Unha petición do propio Concello de Castroverde
Desde o PP recordan que o pleno do Concello de Castroverde aprobou o 12 de xullo a solicitude á Deputación da cesión da residencia e centro de día e dos terreos sobre os que se asenta. A Corporación pedía tamén que se aplique ao Concello de Castroverde o réxime económico de achega financeira da Deputación prevista para o resto dos concellos da rede de residencias do organismo provincial.
O Grupo Provincial do PP considera necesario que de maneira urxente se tomen as medidas que permitan poñer fin á esta parálise respecto á posta en funcionamento desta residencia que leva máis de tres anos construída e conta con todos os permisos para abrir as súas portas. “A cesión ao Concello é a mellor forma para conseguilo”, precisan.
Demandan a aprobación da Ordenanza de Prezo Público
A maiores, co obxectivo de dar un paso máis na posta en marcha destes centros e para que entren en funcionamento o antes posible, os populares reclaman que o Goberno que preside Darío Campos eleve ao seguinte Pleno da Deputación a Ordenanza de Prezo Público das residencias e centros de día dependentes do organismo provincial.
Nela piden que se inclúan, entre outros, o impulso dunha xestión dos servizos de atención a maiores pública e responsable, primando a calidade na atención ao usuario.
En canto ao importe do prezo público, os populares solicitan que a contía do prezo se fixe en función do plan de viabilidade económica do ano 2015 no que se establece un prezo por praza nas residencias de 1.100 euros mensuais e de 600 euros pola praza nos centros de día.
Precisan ademais que a capacidade económica do residente ou responsables subsidiarios debera calcularse de acordo aos seguintes elementos de valoración: renda, patrimonio e número de persoas da unidade familiar.