17, setembro, 2018. Os populares aseguran que “as mentiras teñen patas curtas”. Así o indican en relación ao anuncio de iluminación da Ponte dos Santos que une os municipios de Ribadeo e Castropol por parte de Fomento porque “esta mellora xa estaba recollida nos orzamentos do Goberno do Estado elaborados polo Partido Popular e aprobados co voto en contra do PSOE”.
Así o explican os deputados no Congreso e no Parlamento de Galicia, Jaime de Olano e Daniel Vega, que consideran “unha ousadía” outorgarse méritos cando “o BNG non traballou nada en relación a este asunto porque non ten representación no Congreso dos Deputados”.
Pola contra, “foron os populares os que traballaron por facer posibles as obras de iluminación da ponte pola que transcorre a A-8 entre as comunidades de Asturias e Galicia”, indican. Nese senso tamén destacan que “esta actuación súmase a outras coma o arranxo da N-642 ou as obras da A-74, tamén competencia do Ministerio de Fomento, que son posibles grazas aos orzamentos elaborados polo Goberno popular que contou coa oposición dos socialistas”.
Estrada Reme-Vilamar, exemplo de compromiso dos populares con Ribadeo
“O PP sempre traballa por Ribadeo. Un exemplo claro é o compromiso que o Grupo Parlamentario Popular logrou para que a Xunta investise un millón de euros na reparación dun tramo de 11,5 km da estrada Reme – Vilamar mentres que ao alcalde nunca lle preocupou en absoluto”, segundo indica Vega.
Outro xeito de defender Ribadeo é, para o parlamentario popular, “axudar aos seus colectivos” e non “abrazando a mentira en notas de prensa”.
Competencia con Vigo por “ter menos sentido do ridículo”
Daniel Vega salienta tamén que “parece que manteñen unha competencia os alcaldes de Vigo e Ribadeo por ver quen ten menos sentido do ridículo”. É difícil de diferenciar cal dos dous amosa máis euforia en relación á iluminación do municipio”, conclúe.