Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte esixe a construción de beirarrúas para mellorar a seguridade na rúa Corredoira

17, setembro, 2018. O Grupo Municipal Popular de Monforte esixe ao Goberno local a mellora da seguridade das vías municipais na confluencia coa ronda María Emilia Casas Baamonde completando a actuación que está levando a cabo a Xunta de Galicia na estrada autonómica LU-664. Concretamente, os populares sinalan a necesidade de dotar de beirarrúas á rúa Corredoira dende o cruce que da acceso ao hospital ata a súa confluencia coa LU-P-3202.

Os populares lembran que “non é a primeira vez que este grupo ten solicitado que se melloren as beirarrúas no tramo da rúa Corredoira, entre o cruce que da acceso ao Hospital Comarcal e o cruce coa ronda María Emilia Casas Baamonde. Xa temos advertido da necesidade de facer os trámites necesario para mellorar a seguridade da beirarrúa do lateral onde se atopa a saída do párking do Mercadona. E da mesma forma, no que atinxe á beirarrúa do outro lado, se ten solicitado infrutuosamente que se acondicionara a zona de terra para delimitar axeitadamente a zona de estacionamento e de tránsito peonil. Na actualidade, a beirarrúa desaparece nun tramo importante e, por mor de que os vehículos estacionan nesa zona, os peóns teñen que pasar pola calzada, nunha rúa con moito tráfico, ao dar acceso ao hospital”, apunta a voceira municipal, Julia Rodríguez.

Tamén o tramo da rúa Corredoira que comunica a ronda coa estrada de Currelos, LU-P-3202, “precisa dunha actuación para dotala das necesarias beirarrúas, dado que carece delas na súa marxe dereita e os veciños vense obrigados a transitar por unha zona de terra, ou mesmo pola calzada, para evitar os vehículos estacionados, ou o mal estado do terreo no inverno”, segundo defenden dende o Grupo Municipal Popular.

Obras da Xunta na ronda María Emilia Casas Baamonde

Julia Rodríguez, considera, polo tanto, que “é un bo momento para executar estas melloras”; xa que “a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a executar as obras de construción de dúas glorietas na ronda María Emilia Casas Baamonde, na súa confluencia coa rúa Corredoira e a rúa Abeledos, cun orzamento de 320.000 euros. As obras mellorarán a seguridade viaria e humanizarán o tramo entre o P.K. 1’000 e 1’350 estendendo unha nova capa de rodadura en todo o ancho da calzada e reforzando o firme cun fresado de 5 cm, ademais de estender as beirarrúas para o tránsito peonil e mellorar a accesibilidade nesa zona”.

Seguridade viaria na LU-664

Julia Rodríguez lembra que “as obras que está a acometer a Xunta son froito da proposta que levamos ao Parlamento de Galicia sobre a necesidade de executar actuacións a prol da seguridade dos peóns nesta zona de tránsitos importantes e cun nivel de sinistralidade considerable”.

De feito, o Parlamento de Galicia aprobaba o 19 de abril do ano pasado, a iniciativa da deputada popular Julia Rodríguez, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta a estudar as medidas que foran oportunas para mellorar a seguridade viaria da estrada LU-664 ao seu paso por Monforte de Lemos, en concreto no tramo da ronda María Emilia Casas Baamonde e con especial atención á confluencia desta ronda coa rúa Corredoira e Abeledos, e a estrada de Currelos.