BURELA, 16 de setembro de 2018.- O Presidente da Xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, manifesta estar “tremendamente” sorprendido pola actitude da parlamentaria socialista e actual concelleira de Burela, a Sra. Otero, e polo consentimento tácito do seu xefe no Concello de Burela, o Sr. Llano.
"No día de hoxe, algúns medios de comunicación facíanse eco da reunión mantida en Celeiro polo secretario provincial do PSOE en Lugo, a alcaldesa de Viveiro e a parlamentaria socialista, e actual concelleira de Burela, a Sra. Patricia Otero, para demandar á Xunta un Plan de Formación Marítimo-Pesqueiro para A Mariña e unha escola de estudos para o sector", comenta o presidente da xestora local do PP, Manuel Rouco.
Rouco di que "este mesmo tema xa fora tratado no seu día polo goberno da Xunta, do que foi presidente o finado Don Manuel Fraga, alá polos anos 2003 e 2004, concluíndo que ese non era o momento máis idóneo para iniciar ese proceso", e segue, "o que non estivo nunca por aquel entón en dúbida, pois o consenso era total, era a localización desa posible escola de estudos marítimo-pesqueiros para A Mariña, xa que pola súa xeolocalización dentro da comarca e polo seu íntimo vencello co mar, debía de ser Burela", manifesta.
Considera que, dende o PP, “é moi gratificante de ver como as ideas plantexadas no seu día polos populares son agora recollidas polos socialistas para a súa autopromoción”. A este respecto, desexan que “non sexa un novo brindis ao sol coma no caso do desenvolvemento do polígono industrial, do pavillón polideportivo, do plan de tráfico, etc ao que xa nos teñen acostumados".
Sorprendente posta de longo
O presidente da xestora local do PP considera que é sorprendente que o lugar escollido pola parlamentaria Otero para a súa posta de longo na nosa comarca sexa a veciña localidade de Viveiro e non a de Burila, da que na actualidade é concelleira, sobre todo escollendo a temática marítimo-pesqueira, e sendo ela sabedora da gran importancia que ten para a economía da nosa vila este sector e da sana rivalidade que, neste tema en particular, existe coa veciña localidade mariñá.
"Ela que manifestou en diversas ocasións defender os intereses de Burela é partícipe do anuncio da demanda dunha escola para achegar a profesionalización do mundo do mar á nosa comarca, amén de diversos cursos de formación do sector, precisamente no porto de Celeiro, dando a sensación -xa que as formas en política son moi importantes como ela debera saber a estas alturas- de que o que se pretende é promocionar a ubicación desta posible escola e destes posibles cursos na cidade do Landro, simplemente sorprendente", subliña.
Neste senso, tamén recoñece que lle sorprende que o actual alcalde socialista “non apareza nese anuncio tendo en conta a relación tan vital que ten a nosa vila co mar”. “Descoñezo se estaba ao tanto pero si teño grande interese, probablemente coma moitos veciños e veciñas de Burela, en saber que ten que decir ao respecto. Se existe aún tipo de discrepancia entre as filas socialistas de Burela deberían de solucionarlo entre eles e non permitir que os seus posibles desacordos afecten ó futuro da nosa vila", matiza.
Para concluír, indica que " desexamos que os veciños e veciñas da nosa localidade abran os ollos e xulguen por si mesmos a forma de actuar para coa nosa vila do actual alcalde e do seu equipo de goberno, pois esta é unha mostra máis da maneira tan impropia e inadecuada que teñen de defender os intereses do noso Concello".