Partido Popular de Lugo

Empresarios de A Mariña trasladan aos deputados do PP a súa preocupación pola suba do imposto ao diésel anunciada polo Goberno do PSOE

14, setembro, 2018. Os empresarios de A Mariña manifestan a súa preocupación ante o anuncio do Goberno Central de aplicar un novo imposto ao diésel. Así llelo trasladaron ao portavoz adxunto do Grupo do PP no Congreso, Jaime de Olano, e ao deputado autonómico Daniel Vega, en dous encontros que mantiveron este venres con representantes do tecido empresarial da comarca cos que dan continuidade ao camiño iniciado fai uns meses de facer unha política porta a porta baseada no contacto directo cos cidadáns.

 

Os populares, que escoitaron as inquedanzas dos empresarios, aseguran que “son os emprendedores e a xente traballadora os que sufrirán esta suba de impostos anunciada polo Goberno de Pedro Sánchez”. Nese senso, os populares manifestan o seu rexeitamento ante “os prexuízos que lles poden causar ás familias e aos traballadores autónomos que non poden acollerse ás devolucións por gasóleo profesional”, pois segundo se estima este incremento a uns 18.000 vehículos en España.

 

17 millóns de euros mobilizados polo Igape

Os populares destacaron en sendas reunións o compromiso da Xunta co sector a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que permitiu mobilizar no 2017 preto de 17 millóns de euros coa resolución de 571 solicitudes de apoio a empresas a través dos distintos programas.

 

De feito, foron outorgadas axudas directas por valor de 3,6 millóns de euros, concedidos préstamos a empresas por valor de 1,8 millóns de euros e avais ao tecido empresarial da provincia por importe de 516.250 euros. Pero, ademais destas ferramentas, o Igape tamén realiza labores de asesoramento atendendo ao seu obxectivo de facilitar os procesos de creación, consolidación e crecemento de empresas.

 

Os populares poñen en valor estes instrumentos cos que “a Xunta trata de seguir contribuíndo a que Lugo sexa capaz de seguir medrando e xerando emprego de calidade".