13, setembro, 2018. Os deputados do PPdeG da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandeiría e Montes no Parlamento de Galicia, Daniel Vega, Moisés Blanco e José González Váquez, acompañados da presidenta Provincial e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, coñeceron este xoves o traballo realizado para impulsar a produción hortícola do municipio. Así, a rexedora explicou aos parlamentarios o proceso iniciado pola entidade local para a creación do rexistro da marca Horta de Mondoñedo, e destinada a indentificar e garantir a orixe dos produtos mindonienses.
“Pór en marcha un distintivo diferenciador é pór en valor este produtos, aportándolles valor engadido á hora da súa comercialización. Por este motivo, valoramos moi positivamente a iniciativa do Concello”, destacaron ao longo da visita os populares.
Pola súa banda, Elena Candia agradeceu aos tres deputados que se achegasen ata a localidade para coñecer este proxecto, co que, indicou, “queremos dar un pulo ás explotacións que hai no noso concello, sen que isto supoña ademais ningún custo para elas porque é un trámite gratuíto e que asumimos dende o Concello”.
Mondoñedo, lugar de tradición hortícola
Mondoñedo é un lugar de tradición hortícola que, nos últimos anos, viviu un despunte na produción coa incorporación ao sector de xente nova e a posta en marcha de novos proxectos que se consolidan aumentan de tamaño. Os cultivos son produtos que chegan ao mercado antes que os doutras zonas polas características climáticas, distinguidas por ser temperaturas suaves e humidade constante, así como pola calidade do chan.
Trátase, por tanto, segundo destaca Elena Candia, “dunha iniciativa semellante á doutros sectores como pode ser o da carne, con marcas de calidade, que nos permitirá unha maior promoción dos nosos cultivos, pero tamén será unha oportunidade para o desenvolvemento da economía local”.
Este distintivo permite a identificación inequívoca da orixe do produto, axudando con elo a desincentivar o uso da denominación por parte doutras persoas non autorizadas, o que supón unha maior proteción para os consumidores.
Baixo a marca Horta de Mondoñedo, os produtores locais poderán comercializar os distintos cultivos producidos no municipio, que conta cun deseño e un logo rexistrados que figurarán en caixas e embalaxes, así como no etiquetado dos propios prodctos, polo que servirá de marca comercial para aqueles produtores que non contan cunha marca e un distintivo propio.