Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte lamenta que o Goberno local “perda axudas da Xunta” mentres “se centra só en botar asfalto”

12, setembro, 2018. O Grupo Municipal Popular de Monforte convida ao alcalde a “poñerse a traballar e que non se dedique só a botar asfalto” porque “o noso municipio precisa moito máis”. De feito, lamenta que “o único que fixo o rexedor nestes catro anos foi asfaltar, cambiar lámpadas e gastar máis en festas; mentres deixou de lado outros compromisos recollidos no seu programa electoral como é o caso do fomento do emprego”. Así o manifesta a voceira local, Julia Rodríguez, despois de coñecer a perda de axudas que concede a Xunta de Galicia en materia de emprego e igualdade “polo simple feito de que o Goberno local socialista non as solicite”.

 

Rodríguez lamenta que “o Concello de Monforte leve dende o 2015, dende que Tomé é alcalde, sen solicitar axudas para a conciliación e a prevención da violencia de xénero cando se trata de achegas da secretaría xeral de Igualdade que poderían ter beneficiado a moitas mulleres e contribuído, así mesmo, a concienciar á poboación contra a violencia de xénero”.

 

Outras “axudas moi importantes das que Monforte non se beneficiará” son, segundo a voceira popular monfortina, as que a Xunta concede aos Concellos para a implantación de obradoiros de emprego cos que ofrecer un contrato de formación a persoas en situación de desemprego. “Este ano o Concello de Monforte non solicitou un obradoiro dirixido especificamente a menores de 30 anos desempregados como fixera o pasado ano permitindo a 15 mozos e mozas mellorar a súa formación de cara á procura dun emprego”, recorda Rodríguez. De feito, a Xunta achegara na pasada convocatoria máis de 140.000 euros para o seu desenvolvemento.

 

Máis de 280.000 euros para un obradoiro de emprego dual

“A Xunta de Galicia si concedeu ao Concello de Monforte en solitario un obradoiro de emprego dual de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e fábricas de albanelería que conta cunha achega do departamento autonómico de 288.807 euros para contratar a alumnos-traballadores durante un mínimo de 9 meses”, indica a voceira popular.

 

Outros Concellos da provincia implantarán dous obradoiros

Queda “clara”, polo tanto, a aposta da Xunta polo emprego fronte á postura do Goberno local que “non aproveitou a oportunidade de beneficiar a algúns dos máis de 70 mozos e mozas de Monforte menores de 25 anos no paro”, explican dende o PP local. De feito, poñen como exemplo a outros Concellos da provincia aos que lles foron concedidos os dous obradoiros: “os Concellos de Lugo e Ribadeo contarán con obradoiros de formación dual e tamén con obradoiros de garantía xuvenil porque a Xunta de Galicia aprobou tódolos obradoiros solicitados aos que achega 5,5 millóns de euros en toda a provincia”.