12, setembro, 2018. O voceiro do PP na Pontenova, David Álvarez, pon en valor a aportación da Xunta para a creación de emprego no municipio. Nese senso, recorda que a consellería de Economía, Emprego e Industria achega 288.807 euros para o obradoiro dual denominado “Eo-Navia II” compartido cos Concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Isto permitirá, segundo recorda o popular, “a contratación dun total de 20 alumnos-traballadores que recibirán formación durante un mínimo de 9 meses en operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas; operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción e en acabados ríxidos e urbanización”. Neste sentido, as persoas seleccionadas desenvolverán traballos cos que se verá beneficiado o conxunto dos veciños e veciñas do municipio.
Aposta da Xunta pola formación para o emprego
Os populares da Pontenova destacan “a aposta polo fomento do emprego por parte da Xunta” que tamén fai fronte aos gastos de contratación de persoal de dirección, monitores e persoal administrativo para o desenvolvemento do obradoiro. De feito, a provincia de Lugo recibirá un total de 5,5 millóns de euros para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas”, recorda Álvarez.
Novidade
O voceiro popular da Pontenova recorda, así mesmo, que a convocatoria deste ano recolle, como novidade, a posibilidade de que “os participantes combinen un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato adicional de polo menos tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial do obradoiro e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro”.