BURELA, 10 de setembro de 2018.- O presidente da Xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia para a creación de emprego no municipio, e que se demostra na aportación de 250.000 euros, a través de distintas axudas que vén de conceder a administración autonómica á entidade local.
“A aportación en Burela é moi destacada. Ademais, en certos casos, axuda á formación específica do traballador, polo que desde o PP de Burela non podemos menos que valorar positivamente a mesma e agradecerlle á Xunta a súa colaboración", afirma.
Rouco destaca que, con esta iniciativa, durante este 2018 o Concello creará un total de 31 postos de traballo. Así, 10 persoas con Renda de Integración Social (RISGA) teñen contrato de traballo por sete meses durante o verán. Ademais, a Xunta aportou fondos para contratar 7 socorristas; a brigada contraincendios conta con 5 traballadores durante tres meses; contratouse unha orientadora laboral por doce meses e, con cargo a un obradoiro compartido con Xove e Cervo, o Burila contará en exclusiva con sete alumnos e un monitor durante, alomenos, nove meses.
As axudas ao detalle
O presidente da Xestora local do PP considera que a aportación económica da Xunta é importante: 84.835€ para os dez traballadores da RISGA; 24.344 para os sete socorristas; 22.731€ para os cinco membros da brigada contraincendios, e 25.000 para a orientadora laboral. Un total de 156.910€, aos que hai que sumar uns 90.000€ do obradoiro compartido con Cervo e Xove. “Ou sexa, cerca de 250.000€; cifra que sería superior se se lle suma a parte correspondente do obradoiro compartido con Xove e Cervo, recentemente rematado, ascendendo a contía anterior ata os 340.000€”, puntualiza Rouco.
Do total de postos mencionados, trinta están subvencionados ao 100% polo goberno popular da Xunta de Galicia, sendo o posto ocupado pola orientadora laboral o único que recibe unha aportación parcial por parte do Concello de Burela.
“Isto supón que a entidade loca vai a reforzar qo longo do presente ano en máis dun 30% o seu cadro de persoal grazas ás aportacións directas da Xunta de Galicia ás políticas de emprego locais e, contrastando estes datos coas aportacións que a este particular fai o actual goberno socialista, supostamente amigo da Deputación de Lugo, os datos son demoledores, pois apenas chega ao 30% da contía aportada a este respecto polo goberno popular da Xunta de Galicia”, remarca o presidente da Xestora.
Manuel Rouco entende que “o alcalde non publicita con demasiado entusiasmo estas cifras e estas contratacións, que son moi importantes para o noso concello. Por eso, desde a Xestora do Partido Popular de Burela facemos públicos estes datos para xerar coñecemento, recoñecendo a importancia dos mesmos e agradecendo á Xunta tales aportacións”.