Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara pide que o proceso de selección dun administrativo sexa “transparente e xusto”

9, setembro, 2018. O PP de Láncara pide que o proceso aberto para a selección dun traballador administrativo para o Concello co que cubrir o posto dunha persoa que se xubila sexa “transparente e xusto”.

 

O voceiro popular, Santiago Cubillas, non dubida da “legalidade nin da profesionalidade do Tribunal nomeado por Decreto o pasado 23 de xullo polo deputado provincial Pablo Rivera Capón no exercicio das funcións da alcaldía delegadas. Pero non nos parece un proceder axeitado que un deputado nomee a un Tribunal composto integramente por persoal da Deputación”.

 

O Tribunal, que se deberá reunir este luns 10 de setembro ás dez da mañá na sala de reunións do Servizo de Recursos Humanos do Pazo provincial, estará composto por un presidente, secretario e tres vogais do persoal da Deputación; aínda que tamén foron nomeados como suplentes outros traballadores da Deputación. Así, Cubillas considera que “este nomeamento será legal, dubidosamente ético; pero, dende logo, nada estético”.

 

A xuízo dos populares, “o Tribunal debería ser máis plural ao ter en conta a membros doutras Administracións como Secretarios de Concellos ou persoal do corpo de funcionarios da Xunta. Deste xeito, daríase unha imaxe de maior ecuanimidade e transparencia”, matizan.

 

Selección da persoa con “máis calidades profesionais”

Ao proceso presentaranse 17 aspirantes; polo que “dende o grupo municipal popular agardamos que sexa seleccionada a persoa que reúna as mellores calidades profesionais”.