Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Monforte lamenta que o Goberno local non solicitara este ano un obradoiro de emprego xuvenil

8, setembro, 2018.O Grupo Municipal Popular de Monforte lamenta que o Goberno local non teña solicitado un obradoiro de emprego xuvenil na convocatoria deste ano. Así, os populares preguntarán no vindeiro Pleno deste mes de setembro polos motivos que deixarán aos mozos e mozas menores de 30 anos desempregadas do municipio sen unha oportunidade de mellorar a súa formación de cara á procura dun emprego.

 

A voceira municipal, Julia Rodríguez, afonda en que “se non se solicita, é imposible que se conceda este obradoiro de emprego”. Así, a popular critica esta “falta de compromiso do Goberno local cos monfortinos e monfortinas menores de 30 anos no paro”. De feito, recorda que “no mes de xullo en Monforte había máis de 70 mozos e mozas menores de 25 anos en situación de desemprego”. Isto reflexa claramente que “o alcalde debería ter solicitado un obradoiro dirixido especificamente a este segmento da poboación, pero nin sequera presentou a solicitude”, lamenta. “Se o Concello tivese solicitado un obradoiro de emprego xuvenil, 15 mozos e mozas no paro poderían ter logrado un contrato de formación financiado integramente pola Xunta que si concedeu tódolos que foron solicitados”.

 

Os populares defenden este tipo de proxectos cos que a Xunta pretende “achegar formación aos mozos e mozas menores de 30 anos desempregadas que lles permitan adquirir habilidades e experiencia para incrementar as súas posibilidades de lograr un emprego ao mesmo tempo que permiten acometer distintas actuacións de interese municipal”.

Máis de 140.000 euros da Xunta para emprego xuvenil no 2017

A Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Monforte na pasada campaña unha axuda de máis de 140.000 euros para cubrir o salario dos 15 mozos e mozas participantes no obradoiro de carpintería e moble e de mantemento de zonas verdes e xardíns. Este importe permitiu tamén a contratación dun monitor, un administrativo e un director.