Partido Popular de Lugo

Os populares de Lugo recordan que o Goberno do PP deixou aprobada unha suba do 7,7% das pensións de viuvez nos Presupostos Xerais “que saíron adiante co voto en contra do PSOE”

O PP de Lugo informou á Asociación de Viudas de Lugo sobre a suba das pensións de viuvez aprobadas polo Goberno do Partido Popular nunha reunión mantida na tarde de onte na sede da asociación na que participaron os senadores José Manuel Barreiro, Dámaso López e Fernando Carlos Rodríguez; os deputados no Congreso Joaquín García Díez e Jaime de Olano e o presidente do PP local de Lugo, Ramón Carballo; xunto a algunhas socias e a presidenta do colectivo, Aurora Carro.

Os populares lamentaron que “o Goberno central socialista se atribúa medallas” coa subida das pensións de viuvez porque “a mellora deste ano é posible grazas aos Presupostos Xerais aprobados polo Goberno do PP co voto en contra do PSOE”. Polo tanto, “os socialistas opuxéronse a esta suba nas pensións; pero, incluso, a portavoz do Goberno se atribúe agora esta modificación”.

Dende o PP lucense explicaron que “o PP deixou aprobados uns orzamentos cun incremento do 7,7% para as pensións de viuvez ao subir a base reguladora do 52 ou 56%. Isto supón un incremento de 50 euros de media na percepción mensual de cada pensionista. Pero, a maiores, o Partido Popular deixou aprobada tamén unha suba do 56 ao 60% da base reguladora das pensións de viuvez para o 2019 que se fará efectiva xa no vindeiro mes de xaneiro”.

Os populares de Lugo recordaron que “o Goberno de Mariano Rajoy blindou as pensións cumprindo o seu compromiso de nin recortalas nin conxelalas”. De feito, “o Goberno do PP estableceu varias melloras nas pensións: a suba dun 3% para as pensións mínimas e non contributivas e dun 1,6% para as restantes ou a redución do IRPF que beneficia a un millón de pensionistas que, ademais de ver incrementada a súa percepción económica tamén verán mellorado o seu poder adquisitivo ao ter que pagar menos impostos”. Estas medidas contribuíron a que na provincia de Lugo a pensión media de xubilación sexa de 787,41 euros, un 18, 27% maior que a finais do 2011.

Agradecemento pola información

Aurora Carro, pola súa banda, agradece que “dende o Partido Popular de Lugo nos faciliten información para coñecer exactamente en que consiste esta suba das pensións de viuvez”. Igualmente, aproveitou para facerlles chegar aos populares as reivindicacións da Asociación de Viudas de Lugo que pasan por “non tocar as pensións nin de xubilación nin de viuvez se non é para subilas”.