Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela lamenta que “o anunciado plan de tráfico do alcalde quede reducido a un sinal de stop”

“O alcalde anunciou con moito autobombo en outubro de 2015 un plan de tráfico con motivo da apertura do acceso ao porto de Burela, anuncio que foi reiterando en varias ocasións”, como recordan dende o Grupo Municipal Popular. “Hoxe, por fin, vemos concretado o desexado plan de tráfico: un sinal de stop na confluencia de Eijo Garay coa Rúa do Berbés colocada sen aviso previo nunha zona de curvas e que, polo tanto, supón un importante risco para os vehículos que por esa zona circulan”. Ademais, engaden que “é unha  mostra de improvisación e incoherencia a súa colocación para que os coches paren sobre un paso de peóns”.

Así o manifestou hoxe o Grupo Municipal Popular de Burela (GMP), ante a “enésima chapuza do alcalde e do seu goberno, un goberno municipal que está desaparecido e que só aparecen para fotos, festas e parrandas”.

Para os populares “esta actuación é especialmente grave e demostra a incapacidade do alcalde para cumprir cos compromisos que el mesmo asume nos medios de comunicación. Non o dicimos nós, só hai que ver as hemerotecas para lembrar que foi o alcalde quen dixo no seu día que a apertura ao tráfico do acceso ao porto traería consigo a necesidade de elaborar un plan de tráfico que estaría listo en meses, con máis que probable colocación de semáforos na zona da Cruz Vermella, modificacións en Rúa e Travesía do Porto, Curros Enríquez, etc.”.

Desde o Grupo Municipal Popular aseguran que “o alcalde xa lanzou naquel momento un ‘fake’, unha noticia falsa: lanzou un titular soado para dicir que facía o que nin fixo nin está facendo, porque do plan de tráfico non hai nada de nada, unicamente ese único sinal de stop que orixina máis problema que resolve”. Este exemplo, din, “resume a xestión do alcalde e os incumprimentos do que el mesmo foi anunciando: non hai regulamento nin cambio do mercado, non hai documentación da peonización anunciada por el mesmo, non hai ordenanza das terrazas, non hai Relación de Postos de Traballo dos empregados municipais, non hai proxecto para o novo pavillón nin terreos adquiridos nin tan sequera cartos para mercalos”.

Os populares aseguran que “temos un alcalde instaurado na mentira e na vagancia que se está a rir de quen lle cre o que di. Desde logo, o PP non o cre e, polo tanto, seguiremos denunciando a incapacidade deste alcalde para cumprir o que el mesmo anuncia”.