“Nin PSOE nin BNG teñen un interese real en que Burela conte cun novo pavillón de deportes”, asegurou hoxe o Grupo Municipal Popular de Burela, “á vista do que fan uns e do que din outros e mesmo do que puideron facer e non fixeron, nin os uns, nin os outros”.
Para os populares de Burela, “o alcalde e o PSOE levan perdidos máis de tres anos neste asunto, xa que desde 2015 nada fixeron ao respecto, agás unha memoria de cinco folios e a enorme mentira do alcalde sobre unha pretendida reunión coa Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta que só tivo lugar na imaxinación deste. Ademais, o goberno socialista de Burela conta co goberno amigo da Deputación, pero vese que en tres anos non foron capaces de ‘rascar’ nin un euro para o novo pavillón”.
O Grupo Municipal Popular asegura que “o BNG tampouco pode irse de rosiñas neste asunto, xa que tiveron as responsabilidades políticas en materia de deportes na Deputación de Lugo durante oito anos; pero nada fixeron ao respecto. Nin cando estiveron na Xunta e o Sr. Domínguez Olveira, Secretario Xeral para o Deporte naquel momento, meteu nun caixón o proxecto do novo pavillón presentado polo alcalde popular, González Barcia, para construír na zona da Marosa en terreos mercados polo Concello. Aínda por riba, non foi posible dada a promulgación da Lei dos 500 metros da Xunta bipartita do Sr. Touriño. Polo tanto, o BNG debe deixarse de comparar ao PP e ao PSOE e facer un chisquiño de autocrítica”.
Os populares indican que “tanto PSOE coma BNG non apoiaron o Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), documento que fixa solo dotacional, imprescindible xurídica e urbanisticamente para poder construír un equipamento deste tipo. E aí, entre outras cuestións, está tamén a raíz do seu pecado co asunto do novo pavillón: eles sabían, porque parvos non son, que para facer un novo pavillón había que ter solo dotacional, logo de que os terreos propiedade municipal da Marosa quedaran inservibles. E aínda así, non apoiaron o PXOM”.
A conclusión é obvia para os edís populares: “agora PSOE e BNG, a nove meses das eleccións, queren facerse os adalides da construción dun novo pavillón, cando resulta que o alcalde aínda non ten os terreos mercados nin feita a modificación orzamentaria a tal efecto e o BNG vai de guai pero non é capaz de denunciar de forma real e contundente a falla de traballo do alcalde”.
Os populares conclúen que “o noso grupo ratificou o acordo unánime en relación ao novo pavillón e, por iniciativa nosa, hai prazos concretos nese acordo para obrigar a quen ten a facultade de xestionar que é o alcalde e o seu Goberno”.