Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial Popular recorda que “a mellora nas estradas provinciais é posible grazas ao Plan Plurianual impulsado polo PP”

O Grupo Provincial Popular recórdalle ao Goberno socialista da Deputación de Lugo que “a mellora das vías provinciais é posible grazas ao Plan Plurianual de Estradas 2017-2019 aprobado en pleno por unanimidade a proposta do PP”. 

Os populares afondan en que “foi pola iniciativa do PP ante un Goberno socialista en minoría cando se fixo posible o establecemento de criterios de proporcionalidade para o plan de estradas”. O PP recorda que ata entón “o PSOE se opuxo a desenvolver criterios obxectivos preferindo un plan sectario que non tratase a todos os municipios por igual”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan, pois, que os veciños e veciñas de lugares coma A Pastoriza ou Riotorto, que onte recibían a visita do presidente da Deputación, Darío Campos, “tivesen que agardar a que o bipartito PSOE-BNG perdese a maioría para ver agora arranxadas as estradas de titularidade provincial que discorren polos seus municipios”.

O Grupo Provincial do Partido Popular defende o proxecto do Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019 na medida que pretende “asegurar o acceso a todos os municipios da provincia, mellorar a seguridade viaria dos condutores e facilitar a comunicación entre os diferentes municipios e comarcas”.

Con todo, pide “un maior esforzo inversor nos labores de conservación das estradas provinciais para garantir en boas condicións a circulación pola rede viaria da Deputación”. Así pois, os populares condenan que o Goberno provincial se negara a incrementar os fondos para a conservación das estradas provinciais ao rexeitar unha proposta plenaria do Grupo Popular. Nese sentido, dende o Grupo Popular recordan que “os socialistas recortaron en 400.000 euros a partida orzamentaria do 2018 con respecto á do ano anterior para tal fin”