O Grupo Provincial Popular amosa a súa sorpresa ante as declaracións do secretario xeral do PSOE lucense, Álvaro Santos, pedindo “pacificación ante a situación de Sargadelos” cando os socialistas teñen tantas frontes abertas e, polo tanto, non son precisamente os mellores para dar leccións de pacificación”.
Así mesmo tamén chama a atención dos populares que o socialista “pretenda defender aos traballadores de Sargadelos cando estivo absolutamente desaparecido, entendemos que dispoñendo do seu dereito ás vacacións, cando 29 traballadores da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) non cobraban as súas nóminas”.
“Ineptitude socialista” para abrir as residencias de maiores
Os deputados do PP aseguran que “o voceiro do Goberno provincial e secretario xeral dos socialistas da provincia está mentindo cando asegura que as residencias non se abren por culpa do Partido Popular”. De feito, tal e como ten asegurado o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, as residencias de Trabada, Castroverde e Pol xa contan cos seus respectivos permisos de inicio de actividade. Pola súa banda, “a Xunta ten requirida nova documentación actualizada sobre o centro asistencial da Fonsagrada; pero non hai ningún expediente máis sobre as residencias que tramitar na Consellería”, recordan.
Polo tanto, “a realidade é que se as residencias de maiores de Trabada, Castroverde ou Pol non están abertas é, única e exclusivamente, debido á ineptitude do Goberno socialista á fronte da Deputación Provincial de Lugo”, conclúen