O Grupo Municipal Popular de Guitiriz solicita por escrito ao Concello a documentación en relación ao peche ao tráfico da rúa do Mercado ata o 10 de setembro ante o “prexuízo ocasionado aos veciños, comerciantes e visitantes do noso concello”.
Os populares piden os informes xurídico e da policía local, ademais da proposta de alcaldía e o decreto de orde deste peche que, segundo as vallas informativas, se estenderá dende o 10 de agosto ata o 10 de setembro con motivo da instalación dunha exposición que repasa os 20 anos do Fondo Galego de Cooperación ao que está adherido o Concello de Guitiriz.
O voceiro do PP de Guitiriz, Xosé María Teixido, faise eco do malestar dos veciños polos posibles “prexuízos que poida ocasionar a necesidade de que os vehículos circulen por dirección prohibida para poder entrar nos seus propios garaxes”.
Esta situación de risco aumenta a inseguridade viaria nesta zona de saída dende a localidade de Guitiriz á autovía A-6 pola estrada dos Vilares. É por iso polo que o voceiro popular se interesa polos informes relacionados con este peche de cara a coñecer as garantías de seguridade desta actuación.
Teixido asegura que este problema se debe “á mala xestión da alcaldesa”; xa que “puido ter emprazada a mostra noutro espazo que non afectara á mobilidade do casco urbano guitiricense que agora no verán rexistra maior densidade de tráfico”