Membros do Grupo Provincial do Partido Popular e do Grupo Municipal do PP do Incio participaron este mediodía na concentración convocada polos veciños e veciñas da localidade para pedir o arranxo da Casona por parte da Deputación de Lugo. No acto a veciñanza amosouse moi crítica coa xestión da institución que dirixen os socialistas e reclamáronlle ao presidente, Darío Campos, que “cumpra dunha vez por todas co Incio”.
Os populares aseguran que o que pasa coa Casona é un exemplo máis da nefasta xestión do PSOE, de como fan as cousas os socialistas cando herdaron un patrimonio que agora teñen abandonado, o que condena ao inmoble a volver á situación de 2005.
Desde o PP defenden, como así se acordou no Pleno do mes de xuño, que se execute o convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello. De feito, sinalan, este convenio debera levar anos executado, pero non foi así, senón que desde a chegada do PSOE ao Goberno Provincial nada se ten avanzado.
Desde o PP recordan que ese convenio recolle que se rehabilite a estrutura orixinal da Casona, tal e como os populares pedían de novo nas iniciativas que presentaron tanto no pleno provincial como no local. O PSOE sen embargo propuxo no Pleno do mes de maio deste ano facer un novo convenio para aclarar o seu uso e propor un plan de financiamento, un modo de simular que están traballando cando teñen a Casona abandonada.
Tanto é así, recordan, que en 2015 parte do Goberno provincial desembarcou no Incio coa alcaldesa socialista á fronte para dicir que en dez días comezarían as obras, un anuncio que quedou en mera promesa electoral, posto que nin cumpriron coa obriga de mantemento da estrutura. Isto provoca que na actualidade a Casona se atope ante un claro perigo de derrubamento.
Promesas incumpridas
Desde o PP insisten en que se manteña o acordo asinado no ano 2006 e que, dunha vez por todas, se cumpra co que nel se sinala, que pasa pola restauración completa do inmoble incluíndo a zona axardinada.
Os populares provinciais e os locais denuncian que en todos estes anos non se teña feito nada. “Os últimos traballos que se levaron a cabo de expropiación e redacción do proxecto foron gobernando o PP na Deputación e no Concello e a partir de aí tanto Besteiro como Campos e a actual alcaldesa paralizárono todo”, lamentan.