Partido Popular de Lugo

O PP denuncia o espectáculo vergoñento que está dando a Deputación de Lugo ao aplicar “sen necesidade” fórmulas de estados ditatoriais

O Grupo Provincial do PP denuncia o espectáculo vergoñento que está a dar a Deputación de Lugo, quen está a aplicar fórmulas de estados ditatoriais sen necesidade. Así o demostrou o Goberno do PSOE no día de onte ao facer pública unha información e unha imaxe na que daban conta do cambio de fechadura da porta da residencia da Fonsagrada.

Os populares consideran este acto “un esperpento sen precedentes” cando Suplusa quixo facerlle entrega á Deputación das chaves do centro o pasado venres 10 de agosto e non só non foron recollelas senón que agora teñen o atrevemento de dicir que non llelas deron e ordenan cambiar a fechadura.

O que evidencian estas manobras dos socialistas é que seguen sen apartar o revanchismo e as brabuconadas que os ten enfrontados entre eles pero cuxas consecuencias pagan os cidadáns e todos os veciños e veciñas usuarios das residencias, que, cómpre recordar, as súas disputas manteñen pechadas.

Son decisións ademais, apuntan desde o PP, que supoñen un custo evitable para as arcas da institución provincial e a veciñanza, polo que o Grupo Provincial do PP considera que o Goberno do PSOE debera dar explicacións sobre este feito. “Podían ter as chaves desde o día 10 de agosto, pero preferiron non recollelas e montar este circo e pagar o custo de trasladar ao persoal ata a Fonsagrada e cambiar a fechadura”, explican.

Os únicos que están incumprindo de xeito sistemático coas súas obrigas son os responsables do PSOE, que non asisten ás reunións da Sociedade Urbanística pese a formar parte dos seus órganos de administración e dirección, como a convocada o pasado día 10 de agosto. 

Desde xeito, son de novo os socialistas cos seus caprichos e revanchismos os que están a bloquear e retrasar a apertura das residencias da nosa provincia, sen importarlles o máis mínimo as necesidades dos usuarios nin a situación laboral dos traballadores seleccionados no ano 2015 para desenvolver as súas funcións nos centros.

Desde o PP pídenlle ao alcalde e vicepresidente da Deputación que deixe de protagonizar espectáculos tan vergoñentos como o de onte, que cumpra coas súas obrigas como alcalde e apure as xestións para abrir a residencia canto antes. “É unha mágoa que sigan empregando as residencias como arma política cando se trata dunhas instalacións tan demandadas polos veciños e polas que levan agardando máis de dúas décadas”