Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes esíxelle ao alcalde a adhesión “inmediata” ao convenio para a prevención contra incendios forestais

O PP de Cervantes esixe ao alcalde a adhesión inmediata ao convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O voceiro popular, Javier Santín, ven de solicitarlle persoalmente ao alcalde a adhesión a este convenio de xeito urxente porque “consideramos que o noso concello cumpre cos criterios de prioridade establecidos para adherirse a este sistema”. Nese senso, Santín recorda o elevado número de lumes rexistrados no seu territorio e a alta actividade incendiaria que “o pasado mes de outubro afectou a un gran número de hectáreas no termo municipal de Cervantes”.

A iniciativa pretende ofrecer facilidades aos propietarios para que cumpran coas súas obrigas legais en relación á limpeza dos seus terreos forestais; xa que as administracións públicas asumen os maiores custes que poidan derivar dos traballos de control e eliminación total ou parcial da biomasa forestal co obxectivo de reducir o risco de incendios.

Os labores centraranse tanto nos terreos de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público coma nos terreos abandonados. 

Santín defende que se trata “dunha medida necesaria para tódolos núcleos de poboación de Cervantes e, máis aínda, nalgúns onde os veciños son de avanzada idade e non poden aplicar eles mesmos as medidas de prevención de incendios”. Igualmente, esta medida tamén contribúe a manter limpas as fincas daqueles casos nos que “se descoñezan os seus propietarios”. 

Limpeza de estradas provincias

O voceiro popular tamén apurou ao rexedor local para que “lle esixa á Deputación Provincial que execute de inmediato os labores de desbroce e limpeza das beiras das estradas de titularidade provincial que continúan cheas de maleza en pleno mes de agosto”.

Santín cre que “a limpeza das vías é fundamental para preservar a seguridade dos usuarios que diariamente empregan estas estradas”. Ademais, trátase dunha medida que tamén contribúe na prevención de incendios forestais ou, cando menos, na diminución da súa propagación.