15, agosto, 2018. O voceiro do PP en Cervantes, Javier Santín, pídelle ao alcalde amosar “a mesma actitude crítica” coa Deputación Provincial que coa Xunta na súa solicitude de axudas para facer fronte aos custos ocasionados polos lumes do pasado mes de outubro no municipio.
O popular recorda que coa sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para sufragar o 50% dos custos das súas actuacións na extinción dos lumes e dos danos que estes puideron causar en infraestruturas e servizos municipais, “o Goberno autonómico cumpre coa súa parte”. De feito, Santín traslada o seu “agradecemento á Xunta de Galicia por dar resposta a esta necesidade do noso Concello ao verse gravemente afectado polos incendios”.
Agora, o voceiro municipal do Partido Popular úrxelle ao rexedor local a demandarlle á Deputación as axudas coas que sufragar o outro 50%, tal e como se comprometeran coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) xunto ao Goberno central. Nese sentido, o Grupo Provincial Popular xa anunciou que presentará unha iniciativa para o vindeiro pleno coa que urxir á Deputación a materializar ese compromiso.
Limpeza das marxes das estradas
Javier Santín tamén se dirixe ao alcalde de Cervantes para incidir en que “lle poña á Deputación os mesmo deberes que lle puxo, no seu día, á Xunta en relación á limpeza da rede viaria do termo municipal. Fai unhas semanas o alcalde lamentaba que o ente autonómico non tivese acometidos os traballos de desbroce de maleza das beiras das estradas; pero a mediados de agosto a rede viaria de titularidade provincial, que é a maioría da pertencente ao termo municipal, aínda permanece chea de maleza”, indica.
Ante esta situación, o voceiro popular agarda que o rexedor cervantego “se manifeste a favor dos intereses dos veciños e, polo tanto, esixa a limpeza das estradas dependentes da Deputación de Lugo”.