BURELA, 11 de agosto de 2018.- O presidente da xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, asegura que “o actual alcalde, o señor Llano, expón unha serie de embustes en relación coa suposta entrevista que mantivo en Santiago coa secretaria xeral para o Deporte”. Rouco aclara que, segundo lle fixo saber o Grupo Municipal Popular, “o rexedor burelés limitouse a facerlle entrega a unha administrativa dunha memoria de 5 folios, pero en ningún momento se entrevistou coa secretaria xeral”.
Outro embuste máis, engade, “é o que fai referencia ao importe das obras que pretende proxectar”. De feito, “o alcalde indicou nunha nota de prensa publicada hoxe mesmo que a cantidade estimada para o pretendido pavillón é de entre 4 e 5 millóns de euros cando na memoria valorada, que polo tanto non é un proxecto formal, a cantidade aproximaríase aos 9 millóns de euros” como puido saber Rouco grazas ao Grupo Municipal Popular.
Por outra banda, o presidente da xestora desmente tamén que “nesa memoria conste algo sobre a construción da pretendida piscina que anuncia”.
“Ante esta serie de falsidades”, o PP de Burela “non pode máis que ratificarse na cualificación da actitude do actual alcalde de Burela como de enganosa e mentireira”. Nese senso, defenden que “non se pode xogar nin cos titulares de prensa, nin coas boas intencións dos cidadáns e veciños do Concello con esta forma tan trapalleira de facer política”.
Máis mentiras do alcalde de Burela
O presidente do PP local recorda que “non é a primeira nin a única vez que o actual alcalde de Burela recorre a esta actitude enganosa. Xa estamos acostumados a que trate de enganarnos sobre o plan de tráfico que anunciou fai case tres anos e sobre o que non hai nada feito. Tratou de enganarnos tamén en relación co mercado que segue no mesmo sitio e coa aprobación nun prazo de 6 meses dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) cando dous anos despois non hai absolutamente nada”, continúa.
Así, “suma mentiras, unha tras outra” que, segundo o popular, “deberían servir para que a xente de Burela abra os ollos e vexa que este señor está incapacitado para xestionar, xa que coa súa actitude pretende enganar, unha e outra vez, aos veciños de Burela”. De feito, Rouco defende que “nada fai para solucionar os problemas reais, nin tan sequera para aquelas cuestións que el mesmo presenta”.