Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada lamenta o “desinterese” do alcalde pola residencia de maiores e centro de día

11, agosto, 2018. O presidente do PP da Fonsagrada, José Luís Regueiro, defende o seu interese pola residencia de maiores e centro de día Residencial Rois “igual que por todas aquelas infraestruturas que presten servizo aos veciños e veciñas” ante as críticas do rexedor local pola súa asistencia ao acto de entrega das chaves do centro por parte do Consello de Suplusa.

 

A presenza do popular, “coma a doutros veciños, amosa o noso interese pola mellora dos servizos para o noso municipio e, neste caso concreto, polo futuro da residencia que tanto tempo levamos agardando”, explica Regueiro. Pola contra, “tanto o alcalde coma o seu equipo de Goberno amosaron un total desinterese por poñer en marcha o centro residencial porque nin se dignaron a aparecer para recoller as chaves e coñecer o estado real do inmoble”.

 

Tamén en relación ás críticas do alcalde, Regueiro pregúntase se só os concelleiros poden visitar a residencia cando alí había mais veciños interesados e preocupados polo futuro da residencia “cando se trata dun servizo para tódolos fonsagradinos e mesmo cando eles convidaron a tódolos veciños á inauguración que realizaron a comezos do 2015 coa presenza de José Ramón Gómez Besteiro, daquela presidente da Deputación Provincial, para anunciar unha inminente apertura que aínda non chegou. Os veciños da Fonsagrada non son os culpables nin teñen que pagar as consecuencias das liortas internas do partido socialista”, asegura.

 

 

Para os populares “é unha burla aos veciños” que o alcalde e agora presidente en funcións da Deputación de Lugo non asistira cando “era a súa responsabilidade por partida dobre”.

 

Regueiro: “ao alcalde non lle preocupa a súa ausencia do municipio”

O popular defende que “o PP da Fonsagrada se interesa por ampliar os servizos para prestar aos seus veciños procurando evitar o seu despoboamento”. É dicir, “so buscamos o mellor para o municipio, non a súa destrución como fai o alcalde”, incide.

 

Nese sentido, Regueiro critica que “o alcalde se pasee pola provincia mentres ten desatendido o Concello” e pídelle que “se poña a traballar pola Fonsagrada”. De feito, cre que “non parece preocuparlle a súa ausencia, pero si a miña presencia”. Así pois, “terase que ir acostumando porque mentres el non está, os populares estámonos preocupando polo noso municipio”, advirte Regueiro.

 

Interese” socialista por “desprestixiar” ao presidente do PP local

José Luís Regueiro asegura que “non entrarei no xogo de descalificativos como están a facer dende a páxina de facebook do Partido Socialista de A Fonsagrada (https://www.facebook.com/Partido-Socialista-de-A-Fonsagrada-826946287387441/) cara a miña persoa”. De feito, o popular cre que “o seu interese por desprestixiarme se debe á falta de argumentos pola súa non asistencia ao acto de recollida das chaves da residencia”.

 

Así mesmo, o presidente do PP da Fonsagrada recorda que “a outros veulles a alcaldía no seu momento como un regalo herdado que nunca souberon poñer a funcionar. E por iso está así o Concello, coma un barco sen temón que fai augas por todos os lados”.