Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial Popular sinala “ao PSOE e ao alcalde da Fonsagrada como responsables dos atrasos e mentiras sobre a apertura da residencia”

10, agosto, 2018. O Grupo Provincial Popular asegura que “coa entrega das chaves da residencia e centro da día da Fonsagrada por parte do Consello de Suplusa quedan en evidencia as mentiras que o Partido Socialista e o alcalde da Fonsagrada contaron a comezos do 2015 cando foron a inaugurar as instalacións”. Daquela, como recordan os populares “prometeron que entrarían en funcionamento en setembro dese mesmo ano tal e como recollían os medios nese momento”.

 

Se no acto de inauguración celebrado no 2015 o daquela presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde da Fonsagrada, recoñecían no seu discurso a correcta execución da encomenda; “queda claro que o retraso na apertura deste centro non era culpa do Partido Popular”. De feito, “este Grupo colabora en tódolos proxectos de interese para a provincia e a totalidade dos lucenses como fai sempre, con responsabilidade”, afirman os populares.

 

As residencias só lles interesan aos socialistas para facer política”

Os deputados do PP consideran que “as residencias e centros de día de maiores só lle interesan ao Goberno da Deputación de Lugo para facer política, non para xestionalas correctamente”.

 

Nese senso, o Grupo Popular sinala directamente “ao PSOE e ao alcalde da Fonsagrada como responsables das mentiras e os atrasos na apertura deste centro tan demandado polos veciños e veciñas do municipio e polo que levan máis de dúas décadas agardando”.

 

Os populares úrxenlle agora ao alcalde socialista, “que optou por un convenio máis caro e un proceso lento, que apure as xestións para abrir o centro Residencial Rois canto antes”.

 

Un alcalde “máis preocupado pola Deputación que polo Concello”

O Grupo Provincial Popular lamenta que o rexedor da Fonsagrada non asistise á entrega das chaves da residencia e que, por aínda por riba, critique a presenza do presidente local do PP no acto.

 

Nese senso, os populares recordan que “el foi a O Corgo e nin convidou ao alcalde”. Polo tanto, consideran que “non pode dar leccións cando vai de deputado pola provincia e nin aos alcaldes convida. O que pasa é que el está máis preocupado pola Deputación que de atender aos seus veciños e veciñas no Concello aos que lle dedica bastante pouco tempo”, conclúen.