2, agosto, 2018. O Grupo Provincial do PP vén de presentar unha solicitude ante os rexistros da Deputación Provincial e da Sociedade Urbanística Provincial de Lugo SA (SUPLUSA) pedindo unha “solución inmediata” para que os traballadores desta sociedade cobren as nóminas que se lles adebedan. “O Goberno da Deputación e o presidente de SUPLUSA están “condenados a entenderse” para “facer cumprir o acordo plenario”, asegura a voceira popular, Elena Candia.
Nese sentido, a propia Candia lamentou que “o presidente da Deputación de Lugo lle dea as costas aos 29 traballadores desta sociedade desoíndo as súas obrigas” cando “é a propia Deputación a responsable de que estes traballadores non cobren”.
Os populares “pedímoslle ao presidente que se implique na solución deste conflito cumprindo o acordo plenario no que solicitabamos unha solución para os 29 traballadores desta sociedade dependente da Deputación Provincial de Lugo”. O Grupo Popular presentaba, nada máis coñecer que non cobraran as nóminas correspondentes ao pasado mes de xullo, unha moción de urxencia que foi aprobada o pasado martes 31 de xullo cos votos en contra do Grupo Socialista.
A voceira popular apostou por aplicar a base 35 de execución do Orzamento provincial 2018 coa que ofrecer “unha solución inmediata para que cobren e haxa tempo para cubrir esa praza”. De feito, Candia recordoulle ao equipo de Goberno que “teñen a posibilidade de resolver esta situación, como fan con moitos Concellos da provincia cando teñen vacantes de Intervención”.
Solucións do PP ante “o enfrontamento perpetuo” dos socialistas e o deputado non adscrito
A voceira do Grupo Provincial Popular defendeu que “é este Grupo o que, de novo, ten que impulsar medidas suplindo a falta de acción do Goberno provincial ante unha situación inxusta para 29 dos traballadores que dependen da Deputación de Lugo”.
Ademais, Candia recordou que se trata dunha situación “propiciada polo enfrontamento perpetuo e case enfermizo” entre o Grupo Socialista e o deputado non adscrito e presidente de SUPLUSA.