Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela presenta dúas mocións ante “a carencia de proxectos de futuro” por parte do alcalde

Burela, a 1 de agosto de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela presentou dúas mocións para o seu debate no pleno municipal que se celebrará mañá, xoves 2 de agosto, “á vista da inacción do alcalde e do seu Goberno municipal, carentes de proxectos de futuro e de iniciativa política”.

Así, os populares presentan unha moción para “reactivar o proxecto de canalización do Río do Perdouro”. Isto serviría para “unir a zona de Vista Alegre coa bolsa de solo industrial do Perdouro, a través dunha vía de dobre sentido á altura da escola infantil de Vista Alegre, gañando un espazo considerable para unhas cento cincuenta prazas de aparcamento”.

“Este anteproxecto foi aprobado no seu día durante o último Goberno municipal do PP, está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal e, polo tanto, conta con toda a garantía xurídica. Mesmo contaba coa autorización de Augas de Galicia, pero o actual alcalde nin renovou a autorización nin xestionou os fondos para levar a cabo a obra”, continúan dende o PP local.

Polo tanto, os edís do PP de Burela consideran que “dado o importante pulo que esta obra pode dar ao desenvolvemento do noso concello, é hora de que o actual alcalde faga algo mirando cara o futuro. Por iso na moción demandamos que se fagan as xestións ante Augas de Galicia para conseguir de novo a autorización e ante a Deputación, a Xunta e o Goberno do Estado para conseguir o millón de euros que custa esta obra. Sabemos que é un proxecto ambicioso e de moitos cartos, que vai levar tempo, pero se se traballa con intensidade pode conseguirse. De feito, hai sobrados argumentos cos que defender este proxecto. Como non se conseguen é estando quietos”, critican.

Na mesma moción solicitan que “se comece a desenvolver o PXOM no referido aos polígonos de solo urbano para vivenda unifamiliar ou vivenda adosada de dúas/tres alturas. Os polígonos 20 e 21 da zona da Limosa son idóneos, xa que permitirían executar a fachada marítima que se contempla nesa zona no PXOM e tamén unha vía de acceso directo desde aí ao acceso ao porto”.

Os populares indican que “este é outro proxecto de futuro, básico para Burela, que tamén hai que poñerse a xestionar”. Con todo, cren que “aterra ao actual alcalde porque hai que sentar aos propietarios e vai levar o seu tempo. Agora ben, se se quere facer ‘Burela Bonita’, a oportunidade píntana calva”.

 

Vivendas dos mestres do CEIP “Virxe do Carme”

O Grupo Municipal Popular presenta unha segunda moción na que solicitan que “o actual alcalde e o seu equipo de Goberno fagan algo nas vivendas dos mestres do Colexio dos Castros, xa que catro foran desafectadas co Goberno municipal do PP e, mesmo en dúas delas, se fixera un adecentamento básico que quedou aí”. Agora, “trinta e oito meses despois das eleccións municipais e a menos de dez das próximas, este alcalde non fixo nada de nada. Nin rematou o adecentamento iniciado, nin adecentou as outras dúas desafectadas, nin desafectou outras dúas que están sen uso de ningún tipo”. Isto é precisamente o que se lle pide: que remate o adecentamento iniciado en dúas vivendas xa desafectadas, que adecente as outras dúas desafectadas e que desafecte outras dúas”.

Os populares consideran que estas vivendas “poden e deben ser usadas por asociacións ou por persoas afectadas pola violencia de xénero ou en risco de exclusión social. Mesmo nunha delas se podería habilitar como punto de encontro, algo que demandan as familias desarraigadas”, propoñen.

A “nulidade de miras deste Goberno tradúcese nun mandato perdido para Burela”

Dende Grupo Popular aseguran que o feito de levar estas mocións a pleno pon en evidencia ao alcalde e ao seu Goberno”. Os populares consideran que “son un alcalde e un Goberno de pandereta. Andan de festa para facer fotos e titulares de prensa; pero se se rasca, non hai nada: nin proxectos de futuro para Burela, nin xestión”. O PP de Burela só ve “cortoplacismo e nulidade de miras” que se traducen nun mandato municipal perdido para unha vila dinámica e ansiosa de proxectos ilusionantes como é Burela”.