31 xullo, 2018. O Partido Popular de A Fonsagrada denuncia que, por segundo ano consecutivo, o alcalde non contrate a brigada contra incendios que pon a disposición dos Concellos a Xunta de Galicia. Deste xeito, o rexedor renuncia á posibilidade que lle ofrece o Goberno de Galicia de dotarse de persoal e, por tanto, de crear emprego para colaborar na defensa contra os lumes.
O prazo para realizar estas contratacións rematou o 31 de xullo, polo que a Xunta de Galicia “deu marxe de sobra para poder acollerse ao convenio que rexe esta medida”; de aí que, dende o PP, precisen que esta situación só pode derivarse “do desleixo ao que nos ten acostumados o alcalde, pois estamos a falar dun servizo imprescindible para esta época do ano, no que o risco de incendios é moi elevado”.
Neste senso, para os populares esta decisión dos dirixentes locais “é totalmente reprobable”, polo que consideran que “debería de dar explicacións dos motivos polos que rexeita un servizo necesario coma este que é clave na prevención e, ademais, permite crear empregos no municipio”.
Características do convenio
A Xunta de Galicia ofreceu este ano de novo á Fonsagrada a posibilidade de asinar un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais de ter a finalidade de contratar persoal para a creación destas brigadas, a colaboración tamén inclúe unha axuda para o mantemento da motobomba municipal, co obxectivo de cubrir as necesidades económias que estes vehículos precisan dende primeiros de xullo ata o remate da primeira quincena de outubro.
Este desentemento do rexedor pon de relevo que nin contratou as cinco persoas que realizarían os labores de prevención de incendios, nin tampouco as de mantemento da motobomba, “poñendo en risco, destacan, a seguridade dos veciños ao limitar os servizos na loita contra os lumes”.
Tamén renunciou aos GES
Para os populares “estamos diante dunha situación que non nos sorprende”, e que atribúen “ao pasotismo que caracteriza a un alcalde que xa provocou que o seu concello quedase sen GES, así como a un maior interese por andar pola provincia en condición de vicepresidente da Deputación, que de propio alcalde”.
“Seguimos sen entender que é o que leva ao socialista a seguir castigando así á Fonsagrada. Calquera alcalde traballa porque o seu municipio conte con máis e mellores servizos, menos o noso. Renuncia á brigada, renuncia á sede dos GES…. Cremos que os veciños merecemos un mellor trato e un alcalde que cumpra coas súas funcións porque, en vez de arrimar o hombro para que teñamos máis prestacións, quítanolas”. Por este motivo, pídenlle “que se centre algo máis no Concello, en vez de andar viaxando de Fonsagrada para Lugo e de Lugo para Fonsagrada, e por outros lugares da provincia, pois con tanto tempo que perde nestas viaxes, os seus veciños están desantendidos e quedan sen servizos básicos coma este”, conclúen.