Partido Popular de Lugo

O alcalde de Cervantes non só evita dar explicacións ao PP sobre a residencia, senón que reduce a partida para a compra dos terreos nun 87%

27, xullo, 2018. O alcade de Cervantes non só evitou dar explicación ao PP no Pleno celebrado onte sobre os trámites impulsados pola entidade local para a construción dunha residencia da terceira idade no municipio, senón que aprobou cos cinco votos do PSOE, unha modificación de crédito para rebaixar a partida que tiñan reservada en 2018 para a adquisición dos terreos un 87%. Concretamente, o Concello consignara no Orzamento deste ano 40.000 euros para este fin, pero co trámite levado a cabo no día na sesión, este importe redúcese ata os 5.000 euros.

 

Ante tal situación, os populares consideran que se confirma “o que viñamos sospeitando”, e que evidencia que o anuncio realizado en días pasados polo rexedor sobre o futuro e viabilidade desta infraestrutura “é electoralista, e é un exemplo máis “da demagoxia preelectoral á que nos teñen acostumados a Deputación e o Concello”.

 

Por este motivo, o voceiro desta formación política pídenlle aos socialista “que non faga demagoxia con este asunto, pois os maiores de Cervantes non merecen que o Concello ande xogando con algo tan importante para eles como é contar ou non cun centro destas características”.

 

Asemade, e dada a imprecisión do rexedor, “que só foi capaz de dicir que tiña iniciados os trámites”, os edís do PP pedirán o acceso ao expediente de dito proxecto para coñecer “en profundidade” o estado no que se atopa, así como “a que se refire o alcalde con que ten iniciados os trámites”.

 

O PP, interesado na residencia dende hai tempo

O voceiro popular xa adiantou esta semana que pediría explicacións ao alcalde no Pleno sobre o anuncio realizado recentemente polo dirixente local. Javier Santín consideraba necesario que este debía dar conta das previsións que manexa, sobre todo, subraia, “porque xa era hora de que se plantexase algo así, unha vez que nós xa pedimos avanzar neste servizo ao comezo da lexislatura”.

 

O voceiro do PP lembra que esta formación política tamén lle expuxo ao rexedor socialista a posibilidade de encargar a un ente externo, como pode ser SUPLUSA, a elaboración dun estudo de viabilidade para o aproveitamento de edificios existentes no municipio, pero que están en desuso, e destinalos a un centro destas características. É o caso dos colexios de Donís e Doiras, que están pechados na actualidade. A este respecto, ao igual que pedirán o acceso ao expediente, tamén solicitarán que se lles facilite se existe algún informe por parte da Sociedade Urbanística Provincial.

 

Deste xeito, segundo defenden dende o PP, “non só se lle daría unha utilidade pública a estes inmobles, senón que serían aproveitados para dar un servizo aos veciños que o demanden en Cervantes, e se saldaría unha débeda histórica, xa que, en materia de servizos sociais, estamos á cola con respecto a outros Concellos como poden ser A Fonsagrada e Pedrafita que teñen a residencia rematada, ou Navia de Suarna e Becerreá, cuxos proxectos xa están moi avanzados”.

 

Haberá festas patronais en San Román?

Noutra orde de asuntos, os populares tamén lamentan que “a dez días vista da celebración da festa patronal de San Román, que acompañará á feira de artesanía que organiza a ANPA, aínda non se coñeza oficialmente se imos tela porque, malia que o alcalde di que si, nin hai carteis, nin nada de nada”, afirman.

 

Para Santín esta imprecisión trasladada en Pleno polo rexedor, evidencia “a pouca planificación e interese que ten por promocionar o Concello e axudar ás comisións de festas e asociacións de veciños de municipios”, repróchandolle así que, pola contra, si que apoie outros festexos que se celebran en municipios limítrofes como o de Navia de Suarna.