Partido Popular de Lugo

O PP de Lourenzá critica o ton das respostas da rexedora ás súas preguntas no Pleno

21, xullo, 2018. O Grupo Municipal Popular de Lourenzá critica publicamente o ton das respostas que a rexedora local lles ofreceu durante o último Pleno celebrado pola Corporación.

 

Os populares interpelaron ao Goberno local na sesión plenaria sobre as facturas da celebración da Comida da Muller, pois, segundo apuntan, “o recibo pagado inclúe 8 comidas e quixemos saber se só asistiron 8 persoas”. Sobre esta cuestión explican que a resposta da rexedora socialista foi inconcreta e pouco precisa. “O único que indicou foi que todo se fixo igual ca sempre”, critican.

 

Os edís do PP interesáronse sobre este asunto porque, “cando nós estabamos no Goberno, a factura emitíase pola cantidade total de comidas e non só polas correspondentes aos asistentes do Concello”. Neste senso, tamén lle preguntaron á alcaldesa pola inclusión do IVE na mesma “ou se, coma o ano pasado, non figuraba esta taxa”.

 

Limpeza de estradas provinciais

Os populares de Lourenzá tamén solicitaron ao goberno socialista que dese conta do procedemento de pago de 1.600 euros en concepto de “limpeza dunha cuneta”, correspondente a unha estrada de titularidade provincial. A este respecto quixeron coñecer dende o Grupo Municipal Popular “o punto quilométrico concreto”, pero non recibiron resposta. “A alcaldesa limitouse a indicar que o traballo realizado foi a limpeza de residuos sen concentrarse nun lugar en particular”, critican de novo.

 

Sobre esta actuación, o PP de Lourenzá considera que “o Concello debe reclamar ese custo á Deputación de Lugo”, polo que preguntaron por esa intención de cobro ao que a alcaldesa atallou dicindo que “non ía contestar máis”.

 

Dimisión dun concelleiro socialista

Ao respecto da dimisión do edil socialista que ata agora formaba parte do equipo de Goberno local, o Grupo Municipal Popular de Lourenzá fixo referencia á información recentemente publicada nos medios de comunicación coas declaracións dos socialistas aclarando as causas da mesma. É por iso polo que os populares lle preguntaron á alcaldesa “por que o mantiveron no cargo cobrando do Concello durante dous anos se era tan malo”, sobre todo, porque “fai un mes o defendían na prensa”.

 

A isto a rexedora asegurou que “contestará no vindeiro Pleno”; motivo polo que os populares pediron que dita resposta constase en acta, alegando que “nos parece normal cando se trata de aportar datos; pero neste caso, tratándose dunha opinión, xa podían respostar”.