Partido Popular de Lugo

Javier Santín traslada á conselleira de Medio Rural as necesidades de Cervantes

21, xullo, 2018. O voceiro popular de Cervantes, Javier Santín, vén de trasladar á conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, as necesidades do seu municipio, e que pasan fundamentalmente por articular medidas destinadas á prevención de incendios, á mellora de infraestruturas, á renovación de pastizais, ás inquedanzas das Comunidades de Montes e á nova lexislación sobre o tratamento dos xurros que xeran as explotacións gandeiras.

 

A xuntanza enmarcouse no obxectivo que persegue Santín de actuar “como a voz” dous seus veciños, pois Cervantes, polas súas características orográficas, medioambientais e económicas, basea case toda a súa actividade na agricultura e gandeiría; de aí que os asuntos abordados coa titular de Medio Rural estivesen centrados nesta materia.

 

Asemade, outro dos temas sobre os que o voceiro do PP reclamou o interese de dita consellería foi o acceso, situado na zona de Reserva, e que empregan os dezaséis gandeiros que aínda hoxe en día conducen o seu gando ata os montes de Campo del Algua, pertencentes xa a Vilafranca do Bierzo. Deste xeito, Santín explicou a Vázquez a necesidade de mellorar esta comunicación, co fin de facilitar o tránsito aos propietarios das máis de 250 vacas que son trasladadas ata as 5.000 hectáreas que estes gandeiros alugaron na localidade leonesa.

 

Colaboración da Xunta

O voceiro municipal de Cervantes tamén aproveitou a ocasión para agradecer persoalmente á responsable do departamento autonómico a colaboración e axudas que ofrece ao Concello, e a través das que financia os labores de desbroce de vías municipais, o mantemento da motobomba contraincendios e todo o dispositivo, así como 2 brigadas para extinción dos lumes, creando catorce postos de traballo directos no municipio. Asemade, puxo en valor a iniciativa de Medio Rural de aplicar a excepcionalidade de pastoreo nas zonas queimadas polos incendios acontecidos o pasado verán.

 

 

A este respecto, o popular tamén destacou que a Xunta de Galicia puxese xa en 2017 a disposición da entidade local unha subvención de 90.000 euros, pero que o alcalde perdeu “pola súa mala xestión”, e que permitiría a adquisición dun novo tractor para o desbroce de vías de titularidade municipal xunto a dous apeiros máis: unha rozadora de arrastre e outra de brazo.

 

“Considero que foi unha reunión produtiva. O fin non foi outro que expoñerlle á conselleira as demandas dos veciños para que estas sexan analizadas por este departamento e deseñar futuras liñas de colaboración. Ademais, tamén quixen agradecerlle as últimas colaboracións do seu departamento, xa que supoñen a creación de emprego e a mellora do noso concello, a pesares da inoperancia e pasotismo do noso alcalde”, conclúe.