Partido Popular de Lugo

O PP de Navia de Suarna denuncia “o abandono” no que o goberno local ten o municipio

20, xullo, 2018. O PP de Navia de Suarna denuncia “o abandono” no que o goberno local ten o municipio, pois tanto as estradas municipais como as provinciais, así como a sinalización do concello, se atopan nun estado “deplorable”.

 

“Navia parece unha selva”, afirman. E é que son moitas as queixas que veñen recibindo por parte dos veciños nos últimos tempos; motivo polo que piden ao alcalde que “traballe” e habilite as medidas oportunas para que a administración competente proceda “no menor tempo posible” ao acondicionamento e desbroce das vías. “Circular co coche por algunha pista é unha odisea e incluso chega a ser un perigo para os usuarios”, afirman.

 

Para os populares esta situación non “é máis que unha falta de xestión e dun desentendemento claro” por parte do rexedor e incluso do organismo provincial, “xa que estamos a finais de xullo e as máquinas da Deputación tampouco apareceron por Navia para desbrozar”. “Non entendemos como pode pasar por algunha delas, ver os indicadores todos tapados pola maleza e, sen embargo, non facer nada nin intentar amañar nada”, remarcan.

 

Por este motivo, e tendo en conta que “a veces o que facemos é surcar baches e que por mor do estado do firme, o risco de accidente aumenta”, dende o PP consideran que o dirixente socialista “debe asumir a súa responsabilidade”, que pasa, subliñan, “por negociar con quen faga falla e coa administración oportuna para intentar buscar unha solución”.

 

“O que pedimos non é unha cuestión que o digamos nós, senón que é unha demanda dos naviegos que están fartos de andar por fochancas e por estradas que máis ben parecen a xungla”, conclúen.