Partido Popular de Lugo

Os populares denuncian o mal estado do entorno da Fonte da Lamela

BURELA, 16 de xullo de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés considera que “o alcalde e o seu goberno municipal non son capaces de atender as cousas do día a día da vida municipal”. Neste senso, reiteran que “están absolutamente centrados na imaxe e moi lonxe da xestión”, de tal xeito que o socialista “non se preocupa de solucionar os asuntos diarios”.

Como exemplo, os edís do PP denuncian “o lamentable” estado no que se atopa todo o contorno da Fonte da Lamela na Vila do Medio. Trátase dun espazo que fóra acondicionado xa polo goberno de Manuel Mon e que cos socialistas se atopa “todo cheo de suciedade, restos de escorrentías que non se recollen, o espazo do Río da Vila impresentable e mesmo unha tala dun carballo centenario absolutamente agresiva e improcedente”, explican.

Desde o Grupo do PP constatan así “o que nos denunciaron varios veciños, indignados coa situación na que se atopa a zona, e que demostra o que xa vimos dicindo dende hai moito tempo, que dende a alcaldía non hai interese algún en solucionar estas cousas, que pola contra s molestan, e moito, a bastantes cidadáns”.

Alcarques

Os concelleiros do PP consideran que deben modificarse algúns alcorques que recentemente non foron debidamente tratados, xa que os materiais que se empregaron comprimen o tronco da árbore, e tal situación pode prexudicar o seu crecemento. Isto dase en varias árbores da rúa Rosalía de Castro, polo que os populares entenden que non se debe agardar demasiado para aliviar a compresión sobre os troncos.

 

“Cremos que hai que buscar solucións para evitar a presenza de herbas nos alcorques que ao mesmo tempo permitan o abono das árbores, pero tamén consideramos que as cousas se poden facer bastante mellor”, conclúen dende o Grupo Municipal.