Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada propón reducir os coeficientes do IBI e bonificar este imposto para colectivos vulnerables

16, xullo, 2018. O grupo municipal do PP na Fonsagrada propón ao grupo de goberno local poñer en marcha, de forma urxente, a redución dos actuais coeficientes do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ao mínimo legal para bens de tipo rural e urbano.

 

Os populares defenderán esta moción no vindeiro Pleno municipal dando resposta a unha preocupación dos veciños da Fonsagrada que nas últimas semanas lles teñen trasladado ao PP local a súa “indignación” polas cartas que están a recibir esixíndolles unhas “onerosas” cantidade de diñeiro para regularizar ante Catastro as construcións situadas no municipio.

 

Se ben é certo que para os PP local “esta medida foi adoptada polo anterior goberno do Estado co fin de mellorar as capacidades de financiamento das administración locais e axudar a acadar os obxectivos de déficit marcados pola Unión Europea”; tamén é certo que “en municipios como o noso, cun problema de despoboamento xeneralizado, o Concello debe achegar as facilidades que teña ao seu alcance para fixar poboación e facilitar a vida dos nosos veciños”.

 

É por iso polo que os populares proporán no pleno a redución dos coeficientes do IBI ao mínimo legal tanto para propiedades urbanas, coma para as rurais, de cara a “minorar as eivas tributarias que está a xerar este imposto”. De feito, o PP local defende que trala revisión do valor catastral dos inmobles feita nos últimos anos xunto coa regularización de alpendres e demais construcións secundarias, “as arcas municipais teñen un aumento de ingresos que permite facer unha revisión á baixa do IBI”.

 

Tendo en conta, ademais, que “os nosos veciños se verán afectados tamén polo incremento das retencións do IRPF e a aplicación do novo imposto de carburantes planificado polo actual goberno de España”, dende o Partido Popular da Fonsagrada cren que “o noso Concello debe reaccionar a tan adversa situación”. Nese senso, defenden os populares medidas que velen pola fixación da poboación no rural xa sexa “favorecendo todo tipo de actividade económica, asegurando unha xubilación con garantías para os nosos maiores librándoos de cargas económicas que non podan asumir ou vías de futuro para as familias que apostan por ter fillos e vivir no termo municipal fonsagradino ou reducindo a poboación en risco de exclusión social”.

 

Bonificación do gravame para colectivos en situación de vulnerabilidade

Ademais de reducir os actuais coeficientes do IBI ao mínimo legal para as fincas urbanas e rurais, o PP local pide tamén aprobar no vindeiro pleno distintas bonificacións sobre o tipo de gravame do IBI a aplicar a diferentes colectivos en situación de vulnerabilidade.

 

Con esta proposta do Partido Popular poderíanse ver beneficiadas familias numerosas, persoas con minusvalía superior ao 33%, veciños que non perciban retribucións que superen o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) sen contar as pagas extra ou titulares de bens de uso público como sede social dalgunha asociación declarada de interese social ou cultural –coma, por exemplo, asociacións de cazadores ou de baile tradicional-.

 

Igualmente, en consonancia coa súa aposta polo desenvolvemento económico como medida para frear o despoboamento do municipio; o PP da Fonsagrada defende a bonificación para aquelas construcións ligadas á actividade agraria ou gandeira –que nalgúns Concellos chega ao 95%- e para aqueles bens onde se desenvolva algún tipo de actividade económica –podendo diferenciar por tramos de bonificación segundo o número de traballadores e primando sempre aos pequenos empresarios e emprendedores-.