Partido Popular de Lugo

“Atribruír o problema da traída á Xunta é unha fuxida cara adiante do alcalde para intentar evadir a súa responsabilidade”, afirma o PP de Navia de Suarna

 

11, xullo, 2018. Os populares de Navia de Suarna consideran que atribuír o problema da traída á Xunta de Galicia “é unha fuxida cara adiante do alcalde para intentar evadir a súa responsabilidade”. E é que o Concello recibe cada ano dende 2010 máis de 248.000€ dentro do Fondo de Cooperación Local, “polo que o rexedor ben puido ter destinado parte destes fondos á mellora dunha novo sistema de captación”, afirma o voceiro Jesús Fernández.

 

Por este motivo, pídelle ao dirixente socialista que “deixe de enredar e de buscar culpables, sobre todo cando o abastecemento de auga é unha competencia 100% municipal, polo que se non fixo nada a este respecto é porque non quixo, por falla de interese ou porque nunca o considerou prioritario, xa que son os Concellos os que deciden no que invisten estas achegas”, defende.

 

“O que ten que facer o alcalde é axilizar os trámites para a construción dunha nova traída de auga municipal coa que dar un servizo de calidade. Culpar da situación a outras administracións é case que rirse de todos os veciños que non poden ducharse ou beber a auga das billas”. Fernández amósase así profundamente crítico co dirixente local, pois “todos en Navia de Suarna sabemos que esta non é a primeira vez que nos vemos nesta situación case que terceiromundista”.

 

A este respecto, reitera que “non se pode intentar buscar culpables fóra, cando é obriga do alcalde dar unha solución aos veciños, non crealos”. E é que se o rexedor mantivera tamén en boas condicións a antiga traída, que está totalmente abandonada e en desuso dende hai tempo, incluso agora podería facer uso dela, manifestan.

“Pedímoslle que se deixe de escusas de mal pagador. Primeiro foi a tormenta, agora é a Xunta, e se segue así, ata lle botará a culpa aos veciños. É obriga del recoñecer o problema e solucionalo, sobre todo, porque esta era un compromiso electoral que, como todos podemos comprobar, non só incumpriu, senón que nin tan sequera ten vontade de facelo”, conclúen.