10, xullo, 2018. Os populares de Navia de Suarna urxen ao rexedor local a “axilizar os trámites para a construción dunha nova traída de auga municipal” coa que dar un servizo de calidade aos veciños do municipio.
O voceiro municipal do PP, Jesús Fernández, ponse do lado dos veciños e condena “os prexuízos que lles teñen causado os problemas de turbidez” que se deron dende o pasado sábado no subministro de auga tanto en vivendas particulares, coma en establecementos comerciais. Pero, como recorda o popular, “esta non é a primeira vez que sufrimos estes problemas, senón que levamos todo o ano co mesmo”.
Nese senso, Jesús Fernández critica a xestión do alcalde socialista que “non foi capaz de cumprir o compromiso de construción dunha nova traída como recollía no seu propio programa electoral”. Pero, aínda por riba, “culpa á tormenta desta situación“ nun exercicio que o voceiro do PP define como “escusa de mal pagador”; xa que “se o rexedor local mantivera tamén en boas condicións a antiga traída, que está totalmente abandonada e en desuso dende hai tempo, agora tamén se podería facer uso dela”. Polo tanto, Jesús Fernández asegura que “este problema se debe ao desleixo por parte do alcalde socialista”.
A construción dunha nova traída municipal de augas, que substitúa a existente, é unha vella demanda dos veciños de Navia de Suarna que “en pleno mes de xullo non contan cun servizo básico para a súa alimentación e aseo” e que, polo tanto, “dependen do bombeo da auga directamente do río expoñéndose a situacións como a sufrida nestes últimos días”. A este respecto, o popular considera que “xa é hora de apurar as xestións para que a nova traída de auga sexa unha realidade en Navia de Suarna”.