8, xullo, 2018. O voceiro popular de Cervantes, Javier Santín, esíxelle ao alcalde o deseño e posta en marcha de xeito inmediato dun plan “axeitado e eficaz” de desbroce nas vías municipais que combine medios públicos e privados.
Dende o PP defenden que esta é a opción máis indicada neste momento; xa que os medios existentes son insuficientes para atender todo en prazo e o municipio conta con máis de 130 núcleos de poboación, repartidos en 21 parroquias, ademais dunhas pistas moi estreitas. Neste senso, consideran que dispor dun servizo óptimo é fundamental, pois “como pretende o Concello atender a todas as áreas de poboación cun só tractor, único que se lle mande traballar noite e día…” apunta Santín de xeito irónico. Ademais, tamén sería unha oportunidade para as empresas da zona.
Os populares xa lle solicitaron esta medida ao Goberno local o pasado ano, pero non viron ningunha resposta por parte do Executivo socialista, a pesares de que tamén sería unha oportunidade para as empresas da zona especializadas na materia. Deste xeito, este ano volven a realizar a mesma petición porque o prazo recomendable para rematar estes traballos, segundo consideran, é o 31 de setembro, e non facelos nos meses de novembro ou decembro, como aconteceu nalgún caso en anualidades anteriores. E é que “nestas datas o que ten que estar preparado é o dispositivo de inverno”, explican.
90.000 euros perdidos para un tractor de desbroce
A este respecto, lamentan que o pasado ano 2017 o alcalde perdese unha subvención da Xunta de Galicia para a adquisición dun novo tractor para o desbroce de vías municipais xunto a dous apeiros máis: unha rozadora de arrastre e outra de brazo. Para este fin, a institución autonómica, a través da consellería de Medio Rural, tiña previsto achegar 90.000 euros.
“Lamentamos profundamente a xestión do alcalde porque, de ter estes vehículos, agora contariamos con máis medios para acometer os traballos de desbroce en tempo e forma”, precisan.
Seguridade e prevención
O voceiro popular sinala que é urxente que a entidade local poña en marcha esta medida (combinar medios públicos e privados) para garantir tamén a seguridade dos viandantes e a prevención de incendios; dúas cuestións, afirma, “para as que realizar a limpeza é clave”.
“En labores de prevención todos temos responsabilidades, pero tamén é obriga do Concello ter en boas condicións as estradas de titularidade municipal. E para iso precisamos medios eficaces e axeitados”, remarca.
Con esta proposta os populares pretenden tamén evitar situacións como as acontecidas o pasado ano, cando algún veciño lle tivo que pedir persoalmente ao alcalde que limpase algúns accesos. “Estes traballos non son cuestión de pedilos de favor, pois o alcalde debe e ten que tratar por igual a todos os veciños, sen discriminar a ninguén”, defende.
Con recursos suficientes
Ademais, a entidade local non debería ter ningún problema de liquidez para poñer en marcha este plan, xa que as arcas municipais contan cos ingresos directos que proveñen de impostos como o IBI e cuxa recadación vai ao 100% para o Concello, polo que “a mellor forma de devolver estes ingresos, defende Santín, é en inversión e en obras para os veciños”.
Asemade, Cervantes tamén dispón do convenio de Medio Rural, a través do que paga estes traballos, polo que a súa posta en marcha non suporía ningún esforzo económico extraordinario por parte do Concello.