Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara denuncia o mal estado no que o alcalde ten a sinalización do municipio

1, xullo, 2018. O PP de Láncara denuncia o mal estado no que a entidade local ten a sinalización do municipio e pide ao alcalde socialista que estableza as medidas necesarias para “corrixir esta situación que, cando menos, dá unha imaxe penosa do concello”, destacan.

 

Os populares recoñecen que “este é un exemplo máis do abandono no que se atopa Láncara dende que o PSOE está no goberno, así como da vaguedade dun alcalde que non sabemos moi ben a que se dedica”. É que, segundo remarca o voceiro Santiago Cubillas, “basta con dar un volta polas distintas parroquias para darse conta de que os indicadores non poden estar así. Algúns é que xa nin se leen”. Por iso, dende o Partido Popular pregúntanse “se ao rexedor socialista non lle dá vergoña ter estes carteis así”.

 

Neste senso, atribúen este abandono a “unha falta de xestión clara e absoluta”, polo que Santiago Cubillas insta ao equipo de goberno “a traballar algo máis”, pois este asunto que denuncian é cuestión de “estar no día a día, de preocuparse polo concello e dun simple trámite administrativo, consistente no cambio daqueles carteis que están en mal estado”.

“Non lle pedimos grandes proxectos, pois xa sabemos que o que se fai en Láncara non é grazas ao Concello, o que lle pedimos é que, cando menos, se preocupe por cuestións que son de sentido común coma esta”. Ademais, subraia o voceiro popular, “estamos xa en época de verán, e son moitos os veciños residentes noutras comunidades os que aproveitan estas datas para visitar aos seus familiares; polo que, polo menos, deberiamos de dar outra imaxe e non a dun municipio abandonado e desatendido”, conclúe.