BURELA, 29 de xuño de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela asegura que “o alcalde fala moito dun novo pavillón para a nosa vila, pero non fai ningunha xestión”. Así se desprende do Pleno da Deputación celebrado o pasado martes, pois segundo subraian os populares, “os seus propios compañeiros de Partido non reservan partida orzamentaria no organismo provincial porque descoñecen os custes da obra, o que deixa en evidencia ao socialista e a súa xestión”.
Neste senso, indican que nesa sesión foi adoptado un acordo que refunde unha moción do BNG, unha emenda do PP na que se solicita que o Concello proceda á adquisición de terreos, redacción de proxecto e plan de cofinanciamento antes de adoptar ninguna iniciativa de financiaciamento da nova instalación deportiva, e outra emenda do PSOE, na que se indica textualmente que o organismo provincial comprometería o seu financiamento ‘…unha vez se coñezan os custes reais que se deriven da redacción do proxecto…’. Isto que quere dicir que “non hai nada feito e que todo o que dixo o alcalde que falara non serviu para nada porque ninguén sabe canto custa o novo pavillón e, polo tanto, o goberno da Deputación non fai reserva de crédito para cofinanciar a obra”, insisten.
Dende o PP lembran que, no pleno do pasado día tres, quedou demostrada a inacción e a ausencia total de xestión do rexedor, dado que non aportou nin un só documento de elaboración municipal; “polo que, os seus propios compañeiros lle están emendando a plana ao alcalde, e lle están dicindo que ou fai o que ten que facer, ou non poden facer reserva de partida orzamentaria”.
Para os populares, “resulta lamentable” que, dous anos despois de que o clube lle notificara ao concello as demandas da Liga Nacional de Fútbol Sala, o titular municipial non teña executado absolutamente nada; “un exemplo máis, e van uns cuantos, da inoperancia e ausencia de traballo dun home que, cando remate o seu mandato, poderá presumir, iso si, dun ‘book’ fotográfico de festas, presentación de carteis, eventos varios, pero no que non poderá incluir ningunha foto que represente xestión e resolución dos problemas do concello”, conclúen.