26, xuño, 2018. O Grupo Provincial do PP conseguiu aprobar hoxe no Pleno da Deputación que se proceda á contratación da redacción do proxecto básico e de execución da Casona do Incio que contemple a rehabilitación estrutural do edificio existente e de, polo menos, o alpendre derrubado no seu día. Desde o PP pedíase ademais que no caso de que os 250.000 euros dispoñibles en Suplusa non fosen suficientes para rematar estas obras, achegue a Deputación de Lugo a diferenza resultante.
O deputado José Antonio García explicou que “os veciños ven como a casa está a punto de caer e vana deixar caer, pero non o imos permitir”. “Nin sequera a achega económica para iniciar as obras está claro que xa exista, polo que estamos aquí primeiro para denunciar unha estafa e esixirlles que pidan perdón”.
Tras a negativa do PSOE a desculparse, o PP censurou que leven gobernando oito anos no Incio “e agora veñen co uso da casa cando xa non vai quedar casa nin nada”. “Din agora que van mirar o diñeiro que hai dispoñible cando levan aquí 12 anos. O PP ten claro o que hai que facer alí en consonancia co que queren os veciños, que non se tire a casa e se rehabilite. Levan oito anos, non chegaron onte, empecen pedindo perdón”.
Os populares rexeitaron a emenda do PSOE ao entender que “é rirse da xente porque o único que ten que facer é modificar o proxecto e non tirar a casa senón rehabilitala. Despois de doce anos non saben nin canto custa, pero en doce anos non tiveron tempo nin se preocuparon de nada. Non aceptamos a emenda porque é seguir ríndose. Non queremos que se tire a casa. Imos dicilo por activa e por pasiva, queremos que se rehabilite. Que o uso o defina o pobo do Incio e que logo a través dos mecanismos legais que sexan se ceda ao Concello. Todo iso non leva doce anos”, replicou.
Historia dunha estafa
Indicou que o PP ten unha posición clara “e cremos que é coordinada co sentir da maioría dos veciños do Incio. O que é a historia da expropiación, rehabilitación e demais é o relato dunha auténtica estafa aos veciños do Incio que se iniciou co cambio de Goberno na Deputación cando o anterior presidente firmara un convenio co impulsor desta actuación que foi o alcalde naquel momento Ángel Camino”.
“A hemeroteca é difícil de debater, expuxo García, e o que fixo o PSOE foi enganar aos veciños durante moitos anos e agora presentan unha moción que foi ao pasado Pleno coa que non estamos de acordo porque é unha nova estafa do PSOE que di que imos empezar de cero e cambiar o convenio de colaboración de 2006 cando é o único que vale porque o demais é unha sucesión de mentiras”.
García explicou que a raíz deste convenio firmado hai doce anos entre o presidente da Deputación daquel entón e o alcalde o que se buscaba era conseguir a propiedade dese conxunto “porque esta construción é auténtica historia do Incio e é lóxico que os veciños se sentiran enganados durante 12 anos”. “Firmado este convenio e iniciada a presunta adquisición e rehabilitación foise enganando á xente ata que hai pouco se descobre que o que acordaron os socialistas na Deputación non era unha rehabilitación senón un proxecto para tiralo e reconstruílo. Íase demoler e volver construír”.
“Chegaron a presentarse no Incio en abril do ano 2015 e dicir que ían empezar as obras dous meses antes das eleccións e aí quedo todo. Incluso foi unha pala para tirar un pendello pertencente ao conxunto que está protexido e a Dirección Xeral de Patrimonio tivo que pedir que o volveran levantar”.
Desde o PP denuncian que o que pensaban os veciños é que se ía rehabilitar a casa, mentres que o proxecto dicía que se ía tirar e reconstruír. “Foi nese momento cando a voceira do PP advirte en Suplusa que non podemos aprobalo porque non é o que pensan os veciños. Ían demoler a Casona e conseguimos paralizar a aprobación dese proxecto. Mentiron de forma sistemática e abusiva”.
“Agora polo menos grazas á intervención do PP xa sabemos todos o que se pretendía, enganar á xente e tirar a casa e reconstruíla. E iso non é o que queren os veciños, porque lle teñen cariño á súa historia e a un conxunto que identifica os valores do Incio”, precisou o popular.
García tamén indicou que o seu Grupo non está de acordo co que se aprobou no Pleno anterior. “O único que vale é o convenio xa asinado e por iso pedimos que se rehabilite ese conxunto, que se modifique o proxecto, se abandone a idea de demoler a casa e se rehabilite a Casona. A cuestión económica a ten que desenvolver a Deputación porque despois de mentirlle aos veciños é o mínimo que se pode facer. Non imos permitir que ese proxecto siga para adiante”.