26, xuño, 2018. O Grupo Provincial do PP apoiou hoxe a moción do BNG para que o persoal dos parques comarcais de bombeiros cobre os cartos que o Pleno acordou pagarlles no ano 2017. O deputado Juan Carlos Armesto explicou que o colectivo está farto de que “cunha man se empuxe e con outra se pare”.
“Estamos ata a saciedade de ver en medios de comunicación afirmacións tallantes do PSOE abandeirando este tema e en 2017 tiñan 339.000 euros para facer efectivo isto e non o fixeron”. “O tempo pon e quita razóns e o PSOE non tivo intención de pagar ese diñeiro”, engadiu.
“Así, pasou o 2017, tiñan a cobertura para facer efectivo o diñeiro e non o fixeron, foi a remanentes, aprobaron o presuposto de 2018 e non se incorpora ese diñeiro, pero teñen uns remanentes agora que lle poden dedicar a iso e nin un céntimo para os bombeiros”, censurou Armesto.
Os populares lamentaron tamén que o BNG se quixera anotar hoxe o tanto, cando grazas ao esforzo e a constancia dos bombeiros conseguiron que a Xunta recoñecera ir a unha xestión directa e que para o presuposto do ano 2108 foran incluídas as súas reivindicacións.
“Creo que a Xunta non lle preocupaba o seu esforzo senón unha reivindicación dos bombeiros e a aposta persoal e política da voceira do PP que fixo causa propia deste tema e fixo ver que era xusta e había que atendela”, precisou o popular. “Temos 339.000 euros e un informe que di que poden ser pagados e un informe da Xunta que di que se poden pagar e a vontade do Goberno que prometeu que ía haber diñeiro pero os bombeiros quedan en terra de ninguén”, resumiu.
Armesto pediulle a Campos que, “como presidente da Deputación pero tamén do consorcio de bombeiros, non se escuse, ten que darlle unha resposta aos bombeiros co apoio desta cámara, ten o diñeiro e os informes xurídicos, non valen máis desculpas. Tócalle mover ficha”.
Desde o PP explicaron que o PSOE defende hoxe o indefendible porque dicían que farían efectivo ese salario no 2017 e agora din que non é legal. “Entón debera explicar se nos mentiron ou se non podían facer fronte a eses pagos para qué os puxeron nos presupostos”, preguntouse o deputado. “Tómanlles o pelo aos bombeiros e vaia situación que os deixan, vaia papelón”.
“Podíanse facer melloras nos parques de bombeiros e a súa vontade con eles é nula. Se agora invisten neses parques será porque non lle queda outro remedio. Animo aos bombeiros a que reivindiquen os seus dereitos, vostede é presidente da Deputación e do consorcio, teñen diñeiro e teñen a obriga legal e moral de facer chegar ese diñeiro”, indicou.
A favor de reabrir o consultorio de Oural
O Grupo Provincial Popular, nun exercicio de coherencia, votou a favor da reapertura do consultorio sanitario da parroquia de Oural en Sarria apostando por “un servizo de calidade o máis preto posible das casas dos veciños e veciñas”.
Así o asegurou o deputado popular José Antonio García que recordou que “o Partido Popular se pon do lado dos veciños e veciñas sen dubidalo volvendo a votar a favor desta demanda como xa fixemos sempre”. De feito, “xa o fixemos no pleno de Sarria no 2011 cando o PP estaba no goberno, tamén fai poucos meses na oposición no ámbito municipal e agora tamén no ámbito provincial”.
García aposta porque “este servizo se volva abrir o antes posible” para contribuír no futuro de Oural e para poder ter unha atención de calidade.
Dar exemplo desde a casa
En relación á moción presentada polo Grupo do PSOE na Deputación de Lugo sobre a pluralidade informativa nos medios galegos, o deputado do PP, Ramiro Moure, pediulle aos socialistas que “empecen a dar exemplo primeiro desde a casa” en referencia ao uso que o Goberno provincial está a darlle á Fundación TIC. Moure, quen eloxiou o traballo “encomiable” dos traballadores da Fundación TIC, puxo de manifesto un caso que tachou de “manipulación ou de mala educación” sufrido na súa persoa cando durante a presentación das Fachas de Taboada foi entrevistada soamente a voceira socialista e non o alcalde popular da localidade. O deputado non considera “de recibo” a moción do PSOE, ao que achacou varios casos de manipulación nos medios públicos, e, neste senso, elude tamén ao “decretazo” aprobado por Sánchez no Goberno Estatal en relación á RTVE “ao non obter consenso”, e dende aquela desapareceron, exemplificou, “os traballadores vestidos de negro ou os problemas polas pensións”.
Os populares votaron en contra da proposta do PSOE e acusaron aos socialistas de “mentir ou falsear a realidade” en relación ao mantemento da información local e da programación cultural da Radio Galega xa que o obxectivo da nova programación “é o contrario do que di a moción, buscando dar un maior protagonismo a información local as 24 horas do día e converter en transversal e estrutural a información cultural”. Ramiro Moure engadiu que á realidade está en que os informativos da radio e da tv galegas son “os de máis audiencia da comunidade que os galegos seguen e apoian”.